DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No informe de seguimento dos dous primeiros anos de vida deste proxecto

O Ministerio avalía o Campus do Mar e outórgalle a máxima cualificación internacional

Destaca o potencial internacional e de captación de talento do campus de excelencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/12/2012

Internacionalización, captación de talento e potencial de transferencia. Estas son as principais fortalezas do Campus do Mar segundo o informe de avaliación realizado polo Ministerio de Educación tras os dous primeiros anos de vida deste “experimento colectivo cara a excelencia”. Así o anunciou o reitor, Salustiano Mato, acompañado polo equipo directivo do Campus do Mar, que recalcou que a cualificación outorgada por este tribunal internacional é a máxima que se pode obter e permite ao campus de excelencia non ter que volver a examinarse ata o 2014.

Mato destacou que este resultado non só permite conservar o selo de excelencia, senón seguir crecendo e é un respaldo para, no futuro, captar fondos e recursos en próximas convocatorias. O reitor destacou que outra das ideas principais que se desprende deste informe é “a capacidade do Campus de Mar para multiplicar por dúas veces e media a captación de recursos”, xa que, partindo dun orzamento dun millón de euros, o proxecto captou xa 2,4 millóns de euros.

Fortalezas e debilidades

O Ministerio de Educación transmitiu na súa avaliación que a máxima cualificación outorgada se asenta en varios aspectos claves. Segundo o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, a primeira delas é a capacidade de internacionalización e de captación de talento, unha liña na que animan a seguir avanzando. Por outra banda, valoran moi positivamente “o traballo satisfactorio que están a realizar os clústers” e inciden na importancia de continuar apostando pola transferencia e pola colaboración coas empresas”. O informe ministerial destaca o “impacto destas alianzas co tecido empresarial, que poden supor enriquecemento para a eurorrexión”.

No tocante ás debilidades, esta avaliación suxire que é preciso intensificar o traballo cos estudantes de grao. Neste sentido, dende o Campus do Mar decidiuse enviar unha resposta ao Ministerio facendo unha serie de comentarios ao respecto. Como explicou Emilio Fernández, “recoñecemos esta debilidade pero tamén queremos transmitir que ese tampouco era o noso obxectivo, polas complexidades de traballar con alumnos e alumnas de grao dentro dun proxecto plurinstitucional compartido por dous países”. O traballo conxunto nas primeiras etapas da formación é complexo, apuntaba Fernández, “cando temos dúas normativas diferentes e un eixo temático tan específico como o mariño”.

Con todo, o equipo de dirección do Campus do Mar decidiu que nos futuro informes que se remitan ao Ministerio, incluiranse todas aquelas accións realizadas individualmente polas entidades socias que se desenvolvan na etapa de grao. O reitor subliñou que todas estas accións realizadas non se incluíron no informe enviado ao Ministerio porque “o consideramos como o máis xusto e honesto” xa que non dependían do Campus do Mar, de xeito que “a nosa debilidade depende da nosa pluralidade”.

Próximas etapas e infraestruturas

Salustiano Mato recalcou que esta cualificación vén a reforzar o proxecto e o feito de ter cumprido co plan establecido, “indo incluso máis aló e máis rápido do estimado, arrastrando a preto de 4000 científicos e tecnólogos”. Na segundo fase, que botará a andar en 2013, o obxectivo prioritario será o tecido empresarial, “farémonos ver entre as empresas, amosando o noso traballo e presentándonos como unha fábrica de solucións e ideas”.

Preguntados sobre como os recortes e a crise poden afectar ás dotacións en infraestruturas do Campus do Mar, tanto as universidades galegas como o CSIC e o Instituto de Investigacións Mariñas, coincidiron en destacar que “o ladrillo non é o importante, o importante son as persoas e os científicos; non dependemos dos edificios, temos todo o que necesitamos para acadar os nosos obxectivos, pero se chegan serán benvidos”, engadía Alberto González Garcés, representante do Instituto Español de Oceanografía e director da Área de Internacionalización do Campus do Mar. O caso do Instituto de Investigacións Mariñas é diferente xa que tiña previsto o traslado de todas as súas instalacións aos terreos da ETEA, proxecto que pode verse truncado polos recortes que afectan ao CSIC, organismo do que depende. O seu representante no Campus do Mar, Francisco Gómez Figueiras, apuntou que isto non condiciona o apoio da institución campus de excelencia. O propio director do CSIC, Emilio Lora-Tamayo, confirmou ao reitor da Universidade a súa aposta polo proxecto vigués e que, en canto a dispoñibilidade de recursos o permita, retomarán o traslado.

Con todo, Salustiano Mato deixou claro que este traslado reforzaría ao Campus do Mar na ETEA, pero as instalacións do CSIC quedan fóra do plan sectorial, que continúa segundo o previsto á espera de poder recepcionar a titularidade dos terreos. “En canto asinemos o convenio”, indicaba o reitor, “poremos en marcha o plan sectorial” para a construción dunha sede institucional do Campus do Mar que dinamizará a Universidade pero na que terán espazos todos os socios do proxecto, incluídos o CSIC e o IEO, para “sen duplicidades, poñer en marcha liñas de investigación emerxentes e traballos en eidos diferentes dos que levan a cabo xa as diferentes institucións”.