DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este equipo de investigación, liderado polo profesor Pedro Figueroa, deseñou o seu plan estratéxico

O Ministerio de Industria destaca o labor do grupo G4+ no Clúster de Loxística e Transporte

O organismo pasa a inscribirse no rexistro de Agrupacións Empresarias Innovadoras, accedendo a novas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 26/06/2012

O plan estratéxico do Clúster de Loxística e Transporte de Mercancías de Galicia, deseñado integramente polo grupo de investigación G4plus da Universidade de Vigo, acaba de obter a cualificación “de excelente” outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, “o que significa que o clúster pasa a inscribirse no rexistro especial de Agrupacións Empresariais Innovadoras, AEI, do ministerio”, explica o profesor Pedro Figueroa, investigador principal de G4+. A consideración como AEI permítelle a este organismo acceder a novas liñas de apoio á innovación “así como a obtención dunha maior puntuación dos proxectos que presente a outras convocatorias estatais”.

Como apunta o profesor Figueroa, esta distinción do ministerio é un recoñecemento á capacidade da Universidade de Vigo de colaborar coas actividades empresarias de Galicia, neste caso concreto, coas vinculadas ao sector da loxística e do transporte. “É resultado da transferencia de coñecemento da nosa institución ao tecido social e empresarial da nosa contorna”, apunta o investigador, “contribuíndo á mellora da súa competitividade e á xeración de riqueza e emprego no territorio”, engade. Para o grupo de investigación G4+, con sede na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, lograr que un proxecto de seu reciba o aval e o apoio da administración central “é unha motivación para continuar achegando solucións no ámbito do desenvolvemento de sectores empresariais”, campo de actuación do grupo de investigación, que conta cunha dilatada experiencia no campo da estratexia e da innovación tecnolóxica.

A coherencia do plan, clave para o ministerio

Para que un clúster se converta nunha AEI, o seu plan estratéxico ten que recibir a mención de excelente, o que se traduce que o proxecto proposto polo grupo de investigación “está plenamente xustificado e soportado por un proceso anterior de análise-diagnose moi consistente, realizado conxuntamente con empresarios e axentes relacionados”, explica Figueroa coa certeza de que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo premiou a coherencia xeral do plan “e os programas de innovación e desenvolvemento do coñecemento no referido á loxística”.

Este recoñecemento achégalle ao clúster vantaxes no eido da innovación, un sector estratéxico para superar a actual crise económica, ademais de que a loxística “é hoxe en día un factor clave de competitividade para calquera actividade polo que a innovación aplicada neste clúster de carácter horizontal, beneficiará a todo o tecido empresarial de Galicia”, aclara Figueroa. Na actualidade, o Clúster de Loxística e Transporte está centrado na consolidación das relacións entre os axentes implicados e na futura creación dunha central de compras “que permita abaratar os custes de aprovisionamento e por tanto ser máis competitivos no mercado”, conclúe o investigador.