DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 6 de novembro na sala I do Edificio Miralles

A ministra Elena Espinosa abre este luns o ciclo de conferencias Universium

Centrado na dimensión social da política da auga en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 31/10/2008

Como un ben escaso, a auga debe ser xestionada dende a perspectiva da racionalidade e da responsabilidade. Pero unha boa parte da sociedade aínda carece da cultura da auga necesaria para avanzar neste campo, polo que o ciclo de conferencias Universium centra a súa sexta edición na dimensión social das políticas que a xestionan. Con relatores como a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, ou o premio Goldman, Pedro Arrojo, dende o vindeiro luns e ata o día 6, este foro pretende promover un uso sostible da auga e fomentar a participación activa de todas as partes implicadas na súa xestión así como de todos os sectores usuarios da mesma. Neste sentido, dende a organización destácase que aínda queda moito por percorrer neste camiño, para o que debe existir un intercambio de coñecemento científico para promover as boas prácticas de xestión sostible, pero tamén é preciso un cambio de mentalidade da cidadanía, que se debe implicar na toma de decisións. Así, esta nova edición de Universium, organizado pola vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes en colaboración co Parlamento de Galicia, pretende espertar a consciencia co medio, suscitar unha reflexión sobre o problema da auga e subministrar información tanto sobre os conceptos referentes á auga como sobre o papel e a obriga da sociedade como copartícipes na súa xestión.

Destacados ponentes

A ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa será a encargada de abrir o ciclo este luns 3 de novembro. Acompañada polo reitor, Alberto Gago e pola presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, Espinosa afondará, no Edificio Miralles a partir das 10.00 horas, nas políticas de xestión da auga.
Nunha segunda sesión, ás 12.30 horas e presentado polo director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, o profesor de Análise Económico da Universidade de Zaragoza, Pedro Arrojo, impartirá un relatorio sobre Estratexias de sequías baixo a perspectiva do cambio climático. Arrojo é o único español que acadou o premio Goldman de Medio Ambiente, considerado como o Nóbel desta área, e tense convertido nun firme defensor do cambio na xestión hidráulica, traballo que desenvolve na Fundación Nueva Cultura del Agua.
Xa o martes, o debate afondará na nova cultura da auga en España da man de Javier Martínez Gil, catedrático de Hidroxeoloxía da Universidade de Zaragoza e membro da Fundación Nueva Cultura del Agua. Martínez avoga pola humanización da hidroloxía, substituíndo o xigantismo da obra pública por un aproveitamento racional dos recursos, ao tempo que fala dos ríos como parte do noso patrimonio e dos nosos sentimentos. A secretaria xeral de ADEGA, Virginia Rodríguez, será quen presente ao catedrático da Universidade de Zaragoza a partir das 12.00 horas.
Na terceira xornada, o ciclo céntrase na participación activa na política da auga da man do profesor de Dereito da Universidade de Almería, Abel de la Calle, que será presentado por Francisco Fernández Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Universium pechará esta sexta edición na tarde do xoves coa intervención de Pierre-Yves Monette, secretario xeral da Unión Europea de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Auga e Servizos de Saneamento, EUREAU, que provén do servizo de auga a preto de 450 millóns de cidadáns. Presentado polo director xeral de AQUALIA Galicia, José Luís García, Monette abordará o tema da participación dos operadores da auga no desenvolvemento da lexislación.
Todos os relatorios, que se desenvolverán na sala I do Edificio Miralles, están abertos ao público en xeral e a asistencia é validable, no caso dos estudantes da Universidade de Vigo, por un crédito de libre elección.
Todos os detallas do ciclo de conferencias poden consultarse na web de Universium.