DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Morenés participou nos actos que este luns tiveron lugar na Escola Naval Militar

O ministro de Defensa preside a inauguración do novo curso académico en Marín

O centro acollerá a 504 alumnos e impartiranse 18 plans de estudos diferentes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 09/09/2013
Un novo curso académico comezou este luns na Escola Naval Militar de Marín. O ministro de Defensa, Pedro Morenés, foi o encargado de presidir os actos de inauguración deste curso 2013-2014 na que foi a súa primeira visita oficial ao centro. O almirante xefe de Estado Maior da Armada (AJEMA), Jaime Muñoz-Delgado y Díaz del Río, recibiu, acompañado doutras autoridades, ao ministro a quen a formación do Batallón de Alumnos lle rendeu Honores de Ordenanza.

Logo disto, celebrouse o xa tradicional acto de Lectura das Leis Penais no que se nomearon aos Brigadieres, Sub-brigadieres e ao alumnado distinguido. Un grupo de Gardamariñas e Aspirantes foron tamén premiados ao destacaren na súa conduta e rendemento escolar no pasado curso académico. Como ben sendo habitual o acto rematou co desfile do Batallón de Alumnos.

Xa no salón de actos da Escola Naval Militar tivo lugar o acto formal de inauguración deste novo curso académico no que o ministro de Defensa, Pedro Morenés, impartiu unha conferencia maxistral logo dunha breve presentación do AJEMA, Muñóz-Delgado y Díaz del Río. Un almorzo puxo punto e final a unha xornada na que participou todo o profesorado e alumnado do centro.

O maior número de alumnos dos últimos 20 anos

Neste ano, o centro comeza o seu percorrido para mudar o seu vello Plan de Estudos. Este curso será o último ano no que convivan ambos os dous Plans. Ademais, a escola contará co maior número de alumnos e alumnas dos últimos 20 anos ao impartise nas súas instalacións o VI Curso de Adaptación ás Escolas de Oficiais e o Curso Universitario de Defensa de Medicina. Tamén completará a súa formación no centro o alumnado dos Corpos Comúns da Defensa. Segundo a propia Escola Naval Militar de Marín, está previsto que un total de 504 alumnos e alumnas pasen polo centro e que se impartan 18 plans de estudos diferentes.