DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conferencia inaugural do curso no Grao en Dirección e Xestión Pública

O ministro de Xustiza defende a supremacía do Estado sobre o mercado para evitar futuras crises

Francisco Caamaño, presentado polo reitor, falou da “visión economicista” dos valores sociais dos ci

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 03/10/2011

“Débese aprender dos erros cometidos e por iso non se precisa de máis liberalismo e máis mercado, senón dun reforzamento do que é de todos”. Con estas palabras a favor do control público, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, inaugurou cun relatorio o curso 2011/2012 do Grao en Dirección e Xestión Pública, nunha intervención na que reivindicou a supremacía do poder do Estado sobre o privado “para que os mercados se movan libremente dentro de escenarios regulados, sen provocar situacións de crise como a que se está a vivir”. O ministro, acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destacou o bo facer dos xestores públicos “de aí que universidades, facultades e graos como o de Dirección e Xestión Pública sexan tan importantes para acreditar o que se pode facer dende o público”.

Na conferencia, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, o ministro reflexionou sobre a situación económica actual e falou do despunte dun discurso neoliberal que está a aproveitar a situación de crise económica para “desacreditar ao público”, propondo medidas que reduzan o papel do Estado fronte ao capitalismo. Ante esta situación, Caamaño explicou que “a solución á crise non está na privatización do público e estes ataques son moi inxustos pois hai que deixar claro que todas as desgrazas económicas de España non son culpa do déficit estatal”. Así botou man de cifras e lembrou que a pesar de que as administracións teñen unha débeda de 700.000 millóns de euros, “é ridícula en comparación coa das empresas españolas, que rolda o 1,29 billóns de euros”. Estas cifras permitíronlle defender o labor dos xestores públicos que dixo “non foi tan malo en estes tres anos de crise”, xustificando ademais que a contención do gasto público e a toma de medidas restritivas provén “da obriga do Estado de soster esa débeda privada”.

Neste discurso de defensa do público tamén participou o reitor, Salustiano Mato, que argumentou que as institucións públicas “están a demostrar que son quen de soster e de enfrontar a crise facendo con máis intensidade que nunca os deberes”. Mato reivindicou o papel do Grao en Dirección e Xestión Pública “o que axuda a consolidar o espazo público, facendo fronte a tendencias neoliberais que poidan desprazar o que é unha casa de todos a unha casa de algúns”.

Perda da perspectiva social

Máis aló do eido económico, o ministro fixo fincapé na vertente social do público, engadindo que “o privado sempre será duns poucos e o público sempre será de todos”. Afirmou que o capitalismo “tamén gañou nos valores” provocando que a cidadanía acolla unha visión economicista e individualista da vida social. Esta perda de sensibilidade do social por parte da poboación aclarouno co exemplo da perda do sentido do que se entendía por fogar: “se antes a casa era un lugar para vivir e compartir coa familia, nestes momentos é unha propiedade da que sacar rendemento”, explicou. Tanto é así que chegou a afirmar que o benestar social pasa a ser “algo colateral, sendo prioritario a propiedade individual”. Con estes argumentos reforzou a idea de que o mellor para os cidadáns do país é esa reorganización das relacións entre capitalismo e Estado para non perder o concepto de comunidade, “na que os beneficios comúns prevalecen por riba dos particulares”; de patriotismo cívico “no que o cidadán é un actor responsable con dereitos e deberes” e de lei “como unha garantía de liberdade e non como un límite á mesma”.

Na súa intervención, Francisco Caamaño tamén lanzoulles un consello aos futuros titulados e tituladas en Dirección e Xestión Pública sobre o exercicio profesional no sector público: “se algunha vez dubidades de como exercer a vosa responsabilidade ao fronte das administracións, non esquezades a vosa alma como cidadáns e saberedes perfectamente que estaredes acertando na decisión”, dixo o ministro.