DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Era alumno de 4º da titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Un minuto de silencio en lembranza de Guillermo de Oca Montero

Ás 15.00 horas saíu un autobús desde a Facultade de CC da Educación e do Deporte ata o Tanatorio Vig

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 30/05/2011

A Universidade de Vigo está de loito polo falecemento o pasado sábado do seu alumno Guillermo de Oca Montero, estudante de 4º da titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. En sinal de respecto, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte gardou un minuto de silencio ás 12.00 horas da mañá para honrar a memoria dun “rapaz que estaba en plena xuventude”, comentaban conmocionados os alumnos e profesores que o coñecían. Ás 15.00 horas, un autobús saíu da porta da facultade en dirección ao Tanatorio Vigo Memorial para poder darlle o último adeus a Guillermo.

Visiblemente afectados estaban os representantes da delegación de alumnos do centro, maioría deles compañeiros de promoción do falecido. “Estamos todos conmocionados, pero polo de pronto iremos a despedir como se merece ao noso amigo”, apuntaba un dos membros da delegación. Pola súa banda, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, e a decana do centro, Francisca Fariña, en representación de toda a institución, quixeron ofrecer as súas condolencias aos seus pais, membros tamén da comunidade universitaria do campus de Vigo, María José Montero e Guillermo de Oca. "Queremos estar con eles, acompañalos nestes momentos tan duros”, comentaban.

Participativo e altruísta

O padriño da novena promoción á que pertencía Guillermo, o profesor José Luís García Soidán, lémbrao “como un rapaz tranquilo, sinxelo e participativo, que sobre todo salientaba pola súa entrega altruísta”. Así, ademais era colaborador do Servizo de Deportes da Universidade, concretamente no proceso de avaliación do servizo a través de enquisas aos usuarios.

Ás 17.00 horas terá lugar un acto civil no Tanatorio Vigo Memorial para finalmente dar paso á incineración.