DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección de oito curtas xurdidas dun obradoiro impartido por Eloy Domínguez Serén

A mirada íntima e introspectiva do alumnado do campus abre a quinta edición de Novos Cinemas

O obxectivo do taller era achegalos ao cinema en primeira persoa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/12/2020

Un ano máis, estudantes do campus pontevedrés protagonizan o arranque do festival Novos Cinemas, que esta tarde celebra o seu acto de apertura. Previamente, estrearanse no Teatro Principal as oito curtas resultantes de O ceo a medio facer, o obradoiro impartido polo director Eloy Domínguez Serén, que nos últimos meses buscou achegar a nove alumnos e alumnas ao cinema en primeira persoa, unha modalidade baseada na exploración persoal, na busca dunha voz propia como realizadores e realizadoras. Promovido pola Vicerreitoría do campus e inserido no programa formativo #Aula do festival, nove estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes foron seleccionados para participar neste taller, que tivo como resultado unha serie de curtametraxes que nacen de realidades cotiás ou que reflexionan sobre situacións e relacións persoais.

“Foi a peza máis intima que realicei xamais e non tería sido posible sen o apoio e recíproco intercambio de confidencias con Eloy”, salienta a graduada en Comunicación Audiovisual Noemi Parga de Ya es mañana en Australia, unha “peza de altos contrastes” na que a través da “superación dun gran medo” que lle supuña unha operación ocular, “busco despedirme dunha parte de min”, sinala. Por outra banda, a alumna de Belas Artes Tamara Goberna presenta neste festival Htomlai.com, “un vídeo experimental no que a través da maquillaxe e a excesiva saturación e deformación de imaxes expoño a miña intimidade”. Deste obradoiro xurdiu tamén o Aleteando, unha curta na que o alumno do Máster en Dirección de Arte en Publicidade Yuri Salgado pretende amosar "as diferentes etapas que sufrimos dende o confinamento”, a través dunha "perspectiva experimental, case onírica, que alude á calma e á esperanza de que máis pronto que tarde veremos a luz ao final do túnel”. 

Amizades, correspondencias e conversas

As relacións persoais cobran un papel protagonista en pezas como como Novemembro, “unha exaltación da amizade e do valor que teñen as persoas que nos rodean para sentirnos ben con nós mesmos”, como salienta o seu autor, o alumno de Publicidade e Relacións Públicas Juan Ares. Unha visita cuns amigos a unha fábrica abandonada, por outra banda, foi o xerme de Plano secuencia, a curta de Daniel Vidal. “Trátase dunha conversa sen planificar, quería que o espectador se puxera na miña pel e vivira esa experiencia en primeira persoa”, salienta este graduado en Belas Artes e estudante do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga).

Tamén titulada en Belas Artes e alumna deste mestrado, Bea Fernandes deu forma neste taller a Hamalau (catorce en éuscaro), curta que presenta como unha “carta a Naiara, a miña amiga desde a infancia, que xorde tras un tempo sen contactar con ela” e na que “o recordo e o presente” se mesturan “nunha reflexión sobre os meus 14 anos en Galicia”. A correspondencia, neste caso entre dúas participantes no obradoiro que non se coñecían previamente, as alumnas de Belas Artes Raquel Álvarez e Valeria Martínez, rexístrase en Nome Feminino Plural, curta que realizaron conxuntamente e na que buscaron “plasmar os procesos persoais que seguimos cando coñecemos a unha persoa, o que contamos, o que non, e a forma na que o facemos”. Por último, a tamén titulada en Belas Artes Paula Tarrío presenta no Teatro Principal No signal!, unha peza que plasma “un paseo nocturno de imaxes solapadas con interferencias e voces que nos traen de volta a unha realidade tanxible e segura de intimidade e amizade”.

Do persoal ao colaborativo

O taller no que se xestaron estes proxectos arrincou en outubro cunha primeira sesión na que Domínguez Serén lles achegaba unha serie de exemplos de autores e autoras de referencia nesta modalidade cinematográfica. “Descubrín un tipo de cine que na meirande parte das ocasións está agochado e é complicado chegar a el”, salienta Juan Ares desta “experiencia incrible”, como a define Yuri Salgado, quen destaca a oportunidade que este obradoiro supuxo de traballar con “compañeiros con miradas moi diversas”.

De feito, máis aló do seguimento individualizado que Domínguez Serén realizou de cada proxecto, as seguintes tres sesións incluíron a análise e abordaxe conxunta das ideas e primeiras versións das pezas. “A verdade é que foi un gusto poder compartir ideas”, salienta Tamara Goberna, que subliña o “ambiente próximo” que se xerou entre as e os participantes no taller e que fixo posible “unha mellor análise das pezas”. Nesa mesma liña, Paula Tarrío destaca tamén desta experiencia, ademais do labor de “guía durante todo o proceso” do seu responsable, a posibilidade de traballar cun “grupo con moitas afinidades”.