DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dá comezo a programación teatral do primeiro cuadrimestre

“A Mirada de Pier” de Nut Teatro enche de desexo o escenario do Vidal Bolaño

A programación cultural continúa a vindeira semana co Ciclo Sonora 08

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 30/10/2008
A compañía Nut Teatro representou, ante un público expectante, a súa última montaxe A Mirada de Pier. A representación no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria inaugurou a programación teatral do primeiro cuadrimestre, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes en colaboración con Caixanova.
Trátase dunha proposta nacida da propia actividade artística e non dunha concepción previa. A partir de historias de desexo, que chegan a través do cine, da arte e da literatura, extraen conflitos que este xera, despersonalizándoos e universalizándoos. A Mirada de Pier presenta o tema do desexo como liña argumental a través de tres historias diferentes, reflectindo cada unha delas un discurso individual en torno a el, unha maneira propia de xestionalo e vivilo.

Temática contemporánea

Nut Teatro é unha compañía galega fundada en maio de 2006 que aposta por propostas contemporáneas, tantos nos traballos de creación colectiva como na posta en escena de textos nacionais e internacionais.
Ata o de agora xa estreou tres espectáculos: o primeiro deles é Corpos Disidentes, unha proposta de creación colectiva que incorpora elementos de danza, performance, instalación e audiovisual; o segundo, 4.48 Psicose, trátase da posta en escena dun texto da dramaturga Sarah Kane que por primeira vez se presentou en galego; e o último A Mirada de Pier.

A programación cultural continúa

Nas vindeiras semanas a música volve a aparecer como unha alternativa de lecer. Os mércores 5 e 12 de novembro, no Teatro Vidal Bolaño, a partir das 17.30 horas, celebrarase o Ciclo Sonora 08 coa actuación de The Strugglers, a proxección do documental Neil Young: Heart of Gold de Jonathan Demme e os concertos de Mishima e Manos de Topo.
Para gozar das artes escénicas teremos que agardar ao xoves 13 de novembro ás 14.00 horas no Centro Comercial, onde actuarán Los Estrambóticos dentro da programación de teatro na rúa.