DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa actuación do grupo Bambú, integrado por Mariano Rodríguez e Edgar Valeriano

A MITEU amosa a tradición oral e musical de Honduras a través dos seus contos

A función do mimo cómico Drosny substituíuse por un espectáculo de sombras chinesas

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 22/04/2010

Mariano Rodríguez e Edgar Valeriano son dous dramaturgos hondureños comprometidos co mundo da escena e coa realidade social e política do seu país que levan anos percorrendo o país latinoamericano co obxectivo de recompilar narracións, contos e historias de tradición oral. Con todo ese material elaboraron o seu propio espectáculo, Historias e máis historias, que agora presentan en Ourense ao abeiro da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario). Edgar Valeriano define a súa proposta como “un espectáculo de narración oral escénica baseado nunha recompilación de diferentes autores e historias que acontecen en Latinoamérica” e matiza así mesmo que os contos que presentan sobre o escenario “son narracións que poden suceder en calquera lugar do mundo”. Mariano Rodríguez, pola súa banda, subliña que a súa proposta teatral “cabe nunha mochila” e que son poucas as necesidades técnicas para levar adiante a función, “unha realidade que nos permite viaxar aos pobos do interior do noso país e amosar o noso traballo alí ao tempo que recollemos as tradicións máis ancestrais do lugar”.
Sobre o escenario os dous actores contan e interpretan as narracións nun espectáculo acompañado por unha selección de música hondureña “porque as cancións tamén nos contan historias”, segundo explican.

A realidade do país hondureño

Entre as historias que estes dous dramaturgos van amosar na MITEU subliñan a que fala dun home que un día mercou a guerra “e que lle amosa ao espectador quen son os verdadeiros gañadores dun enfrontamento bélico”, afirman. Outra narración importante é a historia da miseria que conta como esta chegou ao noso mundo e que pon sobre a mesa os mecanismos para acabar con ela. Dúas temáticas, guerra e miseria, especialmente subliñadas polos actores “por ser tamén dúas realidades que vivimos cada día no noso país”, declaran.
Mariano e Edgar fundaron o grupo Bambú hai 20 anos como unha compañía independente e dende aquela traballan na creación e o desenvolvemento de novos e innovadores espectáculos teatrais.

Forte presenza de Honduras na MITEU

A representación da obra Historias e máis historias do grupo Bambú está prevista para este venres no Auditorio. O país hondureño ten unha forte presenza nesta décimo quinta edición da MITEU posto que nesa mesma xornada haberá un coloquio sobre Sociedade e cultura en Honduras na librería Torga e o mércores, 28 de abril, o cantautor hondureño Mario de Mezapa presentará o seu traballo discográfico De sucias, cadejos y cucuruchos na sala multiusos do Edificio de Ferro.

Espectáculo de sombras chinesas

A actuación do mimo cómico Ireneusz Krosny, prevista para a noite do mércores no Auditorio, tivo que suspenderse debido aos problemas que nos últimos días están a ocasionar as nubes de cinsa do volcán islandés nos aeroportos europeos. No seu lugar contouse coa presenza da arxentina Valeria Guglietti que presentou o seu espectáculo de sombras chinesas Manos libres.