DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As representacións tamén se desenvolverán nesta edición no Auditorio Municipal do Concello

A Miteu desdóbrase para expandir o teatro universitario por Vigo

A mostra de teatro universitario comezará este martes coa obra mexicana 'Los niños perdidos'

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 16/04/2012
Violencia infantil, emigración, conciencia, exilio ou progreso, protagonizarán algunhas das sete obras que compoñen o cartel da XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, que desde este martes e ata o día 26 se desenvolverá en Vigo. A duplicidade de escenarios é este ano a gran novidade da mostra que ao tradicional emprazamento do Teatro Vidal Bolaño do campus vigués, suma agora o Auditorio Municipal do Concello de Vigo nun intento, como explica a directora da Aula de Teatro de Vigo, Pepa Barreiro, “de achegarnos máis aínda ao público en xeral”. A representación das obras Los niños perdidos de Fenix Producciones de México; Nosa Señor das Nubes a cargo da Aula de Teatro da Universidade de A Coruña e Monstro meu do Círculo de Iniciaçao da Academia de Coimbra, comezarán ás 21 horas no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, mentres que as obras que se porán en escena no Teatro Vidal Bolaño do campus vigués, iniciaranse ás 18. 30 horas. Un novo mundo feliz da Aula de Teatro Universitaria de Ourense; Contra el progreso do Grupo de Teatro da Universidad Pública de Navarra; El inmigrante, el Nica da compañía Teatro La Polea de Costa Rica e Dentro do labirinto da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, serán as obras que acolla entre o 23 e o 26 de abril o auditorio universitario.

“A formación teatral é un dos esteos aos que a Universidade de Vigo dedica gran parte dos seus esforzos”, asegura o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, para quen a formación do alumnado vai máis alá das titulacións. Ademais Costas defende o nivel acadado polo teatro universitario que considera “dabondo maduro e excelente como para se mostrar á cidadanía e demostrar que temos unhas compañías universitarias tan dignas, consolidadas e capaces como as profesionais”.

Los niños perdidos erguen o pano

Instalada no terreo do humor negro e agudeza irónica de quen acepta que vive nun mundo que non ten remedio, Los niños perdidos, ergue este martes o pano da Miteu en Vigo a partir das 21 horas no Auditorio Municipal. A partir do conto de Francisco Hinojosa, A los pinches chamacos, a compañía mexicana El Fénix Producciones, aborda a evidencia dunha das problemáticas máis importantes das sociedades urbanas: a violencia familiar e por ende a violencia infantil.
As representacións no Auditorio Municipal continuarán o mércores e o xoves coa posta en escena das obras Nosa Señora de la Nubes e Monstro meu, a cargo da Aula de Teatro da Universidade da Coruña e do CITAC de Coimbra, respectivamente. As lembranzas de dous exiliados que agardan polo inicio dunha nova viaxe e a relación imaxinaria que mantén unha nena cun monstro inventado por ela para poder falar con alguén, centran as dúas obras que pecharán as representacións no Auditorio Municipal na súa estrea como escenario da Miteu.

A mostra trasladarase a partir o luns 23 e ata o 26 de abril ao Auditorio Vidal Bolaño que iniciará as representacións desta edición coa dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de Un novo mundo feliz de Aldous Huxley, coa obra do mesmo título na que o caos se apodera dun mundo invivible de mentiras reiteradas, falta de perspectiva e pobreza extrema. Contra el progreso do Grupo de Teatro da Universidade Pública de Navarra, reflexionará ao día seguinte sobre o progreso, unha meta aparentemente desexable, aínda que non para todo o mundo.
O rostro humano dunha inmigración obrigada , o desarraigo e a soidade, centran a proposta de Teatro La Polea de Costa Rica, El inmigrante, el Nica. O monólogo ao que dá vida César Meléndez, está baseado en feitos reais. E será a dramaturxia de Pepa Barreiro a partir de A tumba de Antígona, Dentro do labirinto representada pola Aula de Teatro da Universidade de Vigo, a que baixará o pano das representacións desta edición da Miteu en Vigo. Unha obra na que se afonda na conciencia como característica máis humana, conciencia que aluma a Antígona, a aurora que reitera en cada unha das súas reaparicións.