DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A gala de clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense será o sábado

A Miteu despedirase asomándose á última cornixa do mundo

A aula Maricastaña será a encargada de pechar a programación coa súa última obra

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 05/05/2017

Desde que o pasado 20 de abril arrancou a programación da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu, os escenarios da cidade viven unha intensa actividade escénica que este sábado, 6 de maio, chegará ao seu remate. A 22 edición do certame clausurarse no Teatro Principal coa entrega de premios e coa representación da obra A última cornixa do mundo, da Aula de Teatro Universitario de Ourense Maricastaña. Deste xeito, pecharase unha edición que trouxo a Ourense a 30 grupos, dez deles profesionais, e os restantes aulas universitarias de Galicia, Estremadura, Madrid, Castela e León, Navarra, Andalucía, A Rioxa e Portugal.

Durante a clausura entregarase os Premios do Xurado e do Espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz, o Premio á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz e o Premio da Organización da Miteu. Os tres primeiros serán desvelados na gala pero xa se coñece o último deles, que recaerá no colectivo de condutores. “Ao longo dos anos son moitos os traslados en autobús dos grupos universitarios. Os choferes xogan un papel fundamental para poder recibir as montaxes teatrais e para facer dos traslados unha viaxe no canto dun desprazamento. En representación de todos eles, o premio da organización da Miteu é para Vicente Pérez, chofer que levou á Aula de Teatro Universitaria de Ourense en moitas ocasións e que fixo que chegar a sitios complicados fose doado”, apuntan desde a organización.

Soltando lastre do pasado

Trala entrega de galardóns, a gala continuará coa actuación de Maricastaña. Con dramaturxia de Fernando Dacosta a partir da obra Océano mar de Alessandro Baricco, os actores do terceiro nivel da aula de teatro do campus de Ourense subirán ao escenario para representar A última cornixa do mundo. A obra, explica Dacosta, levará aos espectadores á pousada Almayer, “situada na última cornixa do mundo, entre a terra e o mar”, e á súa galería de personaxes “cun pasado que os persegue de tal maneira que inflúe decisivamente nas súas vidas presente e futuras”. Entre eses personaxes, engade, están o pintor que procura pintar o mar co mar, a fermosísima muller que está para curar de desexo, un profesor que está a escribir unha enciclopedia sobre os límites da natureza, unha rapaza que quere vivir e fuxir da morte en vida e do medo, unha monxa que crea oracións únicas, un home que le os pensamentos e tres nenos que poden entrar nos soños, buscar os ollos do mar ou converterse en muller nun instante.

Na última cornixa do mundo todos procuran algo ou foxen de algo, explica o director da obra, que sinala que a lección que se pode sacar desta peza é que “hai que vivir o presente intentando liberarse dos lastres do pasado”. Para dar conta desta historia, subirán ao escenario Manuel D’Angiulli, Fani González, Paco Daza, Silvia Pazo, Chelo Cortiñas, Irene Pérez, Héctor Martínez, Silvia Domínguez, María Novoa, Gael Gallego, Álex Hermida, Gonzalo Otero, Lina Errida e Conchi González, correndo a cargo de Fernando Dacosta a escenografía, dramaturxia e dirección.

Coa súa actuación pecharase unha edición da Miteu que o seu director, a falta das últimas representacións, salienta que destaca por manter a cifra de espectadores de anteriores anos e sobre todo polo alto nivel medio acadado en todos os espectáculos. “Unha edición máis volvemos estar moi satisfeitos”, apunta Dacosta.