DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actores e actrices da Aula de Teatro Universitaria Rosaura

A MITEU inicia a súa andadura con pezas de xadrez invadindo as rúas da cidade

A Mostra Internacional de Teatro Universitario prolongarase ata o 29 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 12/04/2010

As pezas dun taboleiro xigante de xadrez cobraron vida este domingo e invadiron as rúas nun espectáculo teatral que inaugurou oficialmente a décimo quinta edición da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario). Durante unhas horas o teatro monopolizou a vida da cidade grazas ao bo facer dos actores e actrices pertencentes a Aula Universitaria Rosaura que amosaron o traballo desenvolvido ao longo do curso nun xogo trepidante entre a vida e a morte co que conseguiron engaiolar ás numerosas persoas que nese intre paseaban pola rúa. De seguido o actor Carlos Blanco representou no Auditorio a obra , un monólogo humorístico sobre o Camiño de Santiago.
A MITEU iniciou así unha andadura de 18 días que situarán a Ourense na vangarda do mundo teatral cun total de 38 espectáculos e con sete países invitados: Costa de Marfil, Salvador, Polonia, Honduras, Francia, Castela-León e Palestina. Proxeccións audiovisuais, exposicións, conferencias e ata un curso de esgrima e combate escénico completan a programación desta décimo quinta edición dunha iniciativa que se prolongará ata o día 29 de abril.

Máis teatro universitario no Principal

A función prevista para este luns, 12 de abril, correrá a cargo da Aula de Teatro Universitaria Cordelia, o segundo nivel das aulas teatrais do campus, que porá en escena a obra Nesta cidade mátante por todo, unha peza dirixida polas actrices Elena Seijo e Fina Calleja . A función está prevista para as 20.30 horas no Teatro Principal da cidade. Outra boa oportunidade para coñecer o traballo actoral que se desenvolve no campus será o día 18 de abril, data na que a Aula de Teatro Infantil representará a obra Os nenos do túnel no Auditorio con funcións. Esta peza teatral foi escrita e dirixida por Elena Seijo e conta a historia dunha viaxe ao pasado da cidade da man dun ancián chamado Vences para coñecer o perigo que corren todos os cativos.
Os máis veteranos do campus, os actores e actrices da Aula de Teatro Maricastaña, pola súa banda, actuarán o último día da mostra, o 29 no Teatro Principal para presentar a peza Odisea espacial, dirixida por Fernando Dacosta. Esta obra é a primeira incursión do grupo no xénero da ciencia-ficción e parte das novelas 2001 e 2010 de Arthur C. Clarke para construír unha reflexión sobre a existencia do ser humano na inmensidade do cosmos.

Actividades paralelas no campus

A programación da Mostra Internacional de Teatro Universitario inclúe unha chea de actividades paralelas entre as que cabe subliñar a presentación, o 28 de abril no campus, dun libro que recolle os 20 anos que leva funcionando a Aula de Teatro do campus e os 15 anos de traxectoria da MITEU. Esa mesma xornada a sala multiusos do Edificio de Ferro acollerá un concerto a cargo do cantautor hondureño Mario de Mezapa que presentará o seu último traballo discográfico, De sucias, cadejos y cucuruchos. Así mesmo, os incondicionais do traballo actoral terán a oportunidade de reciclar os seus coñecementos e aprender novas técnicas de escena nun curso de esgrima e combate escénico que impartirá o profesor Juan Udaondo no campus os días 24 e 25 de abril.
Todas as noites tras as funcións os espectadores terán a oportunidade de falar cos directores e cos actores e actrices das obras no Café Cultural Auriense onde se establecerá un coloquio aberto á participación de todas as persoas interesadas en asistir. Tamén, e durante todos os días que dura a MITEU, o Auditorio e o Teatro Principal acollen cadansúa exposición que recolle en imaxes os anos de traxectoria da mostra e da aula de teatro do campus.