DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese no campus un obradoiro sobre ferramentas tecnolóxicas para os ámbitos do ensino e o dep

Como un móbil e un ordenador poden facerte mellorar como profesional

Estudantes e titulados coñecen unha serie de aplicacións específicas de carácter gratuíto neste curs

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 30/05/2014

Controlar os metros percorridos nunha sesión de adestramento desde un teléfono móbil ou converter unha rede social nunha ferramenta educativa son algunhas das posibilidades que as novas tecnoloxías brindan aos profesionais da educación e o deporte. Por iso, o manexo das múltiples ferramentas e aplicacións que existen nestes ámbitos tense convertido nun elemento “que te mellora como profesional”, como recoñece o profesor Carlos Lago, director xunto con Jorge Viaño do curso que nestes días se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para ampliar os coñecementos de estudantes e titulados nun eido que está a vivir “unha evolución vertixinosa”.

Enmarcado na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, o obradoiro Aplicacións e ferramentas tecnolóxicas nos ámbitos da educación e do deporte trata de dar a coñecer entre estudantes e profesionais unha serie de programas e aplicacións específicos e, en moitos casos, de carácter gratuíto, como explica Lago. Por iso, “o importante é coñecelas e ter un dominio básico das mesmas, que é o que se busca neste curso”. O adestramento deportivo, a actividade física e a saúde e o ensino son os tres ámbitos nos que se centran estas xornadas dirixidas por Lago e Viaño, que deron comezo este mércores.

“Agora mesmo non se entendería o exercicio profesional, na educación ou no deporte, sen o dominio de certos instrumentos e de certa tecnoloxía que xa forma parte do noso día a día”, recoñece Lago. Por ese motivo, neste curso de carácter eminentemente práctico búscase amosar aos estudantes a importancia de apostar por unha formación continua nun campo, o das novas tecnoloxías, “que muda día a día e que se ten convertido en fundamental para ser quen de aplicar os coñecementos teóricos e prácticos á vida profesional”, como apunta Lago, que agradece á Vicerreitoría “a súa aposta por unha formación que serve como reciclaxe aos que xa están traballando e para ampliar os coñecementos dos estudantes”.

Do máis común ao máis específico

Ao alcance de calquera interesado, o abano de aplicacións e programas que existen nos ámbitos da educación ou o deporte e a actividade física cubre hoxe en día "un espectro moi amplo, que vai dos programas máis básicos para a recollida de información ata software específico”. Aplicacións para o control do adestramento deportivo e a prescrición de exercicio físico ou programas de edición de vídeo que permiten avaliar o que está a acontecer nun partido de fútbol en tempo real son algúns dos contidos abordados nas tres sesións das que consta este curso, nas que se tamén se presentaron programas de control de competición para profesionais, como LongMatch ou NACSport.