DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este proxecto foi recoñecido por unanimidade como o mellor de ‘Apostando polo deseño para tod@s’

O mobiliario sinxelo e versátil de ‘Urb@nc’ convence ao xurado

O equipo gañador poderá presentar en foros profesionais uns deseños baseado en dúas pezas de madeira

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 10/10/2014

Empregando como punto de partida dúas pezas de madeira, a interiorista Yolanda Rodríguez, o electricista Rafael Santomé e a titulada en Dirección e Administración de Empresas Isabel Portela deron forma a Urb@nc, un proxecto de mobiliario urbano “funcional, adaptable e economicamente accesible”. Empregando como base esas dúas pezas, este equipo interdisciplinar propón a construción de mesas, bancos ou cadeiras, da man dun sistema “sinxelo e versátil”, como explica Rodríguez. Un sistema que convenceu ao xurado de Apostando polo deseño para tod@s, que por unanimidade seleccionouno como o premiado nesta iniciativa que buscaba promover a creación de mobiliario seguindo os principios do deseño universal.

“A verdade é que estamos encantados, e máis sabendo que había outros proxectos moi similares”, destacou Rodríguez tras coñecer que o proxecto que desenvolveron para esta iniciativa do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría do campus desenvolve coa colaboración da Concellería de Cultura, fora o seleccionado polo xurado, tralas presentacións realizadas este xoves. Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura; Carmen Fouces, concelleira de Benestar; Ana Oróns, secretaria xeral de Confemadera, e Ana María Prieto, xerente da Federación Galega de Parálise Cerebral foron os encargados de decidir quen sería obxecto dunha distinción que abre a Rodríguez, Santomé e Portela a posibilidade de presentar a súa idea a representantes do sector do moble e da madeira, co obxectivo de que estuden a viabilidade de convertela en realidade.

Unha “idea simple”, pero con moitas posibilidades

Como o “froito dun traballo cooperativo dun equipo multidisciplinar” presenta este grupo o proxecto que desenvolveron ao longo dos últimos meses no marco deste programa da Vicerreitoría do campus. Un proxecto que comezou a xestarse como un deseño para que o mobiliario urbano seguise sendo útil en días de chuvia. “Comezamos pensando nos paseos, en que non existen moitas opcións de atopar sitios protexidos para a xente cando chove”, relata Rodríguez. A partires de aí, os tres integrantes deste equipo comezaron a idera unhas pezas modulares que puidesen servir para cubrirse. Aquela idea inicial rematou derivando nun proxecto modular, fundamentado na combinación de dúas pezas en madeira, “fáciles de reproducir e coas que se poden crear diferentes formas”. Na presentación que este xoves achegaron ao xurado, os responsables de Urb@nc propuñan bancos, mesas, hamacas e aparcabicicletas construídos a partires da combinación mediante barras dos dous deseños. Mais como resalta Rodríguez, existen “outras moitas posibilidades” para estas pezas. Por exemplo, a de integralas en construcións xa existentes “para darlles máis usos”, ou a de completar o mobiliario cunha base superior na que resgardarse da chuvia.

“É unha idea moi simple, porque todas as propostas fanse a partires desas pezas, ás que se dotaría dos orificios necesarios para poder montalas con elementos de suxeición e ancoraxe básicos”, engade esta interiorista, que destaca como as principais virtudes dun proxecto que proximamente trasladarán a foros profesionais, grazas á colaboración de Confemadera, “a facilidade de montaxe e as posibilidades de presentación”. Mais, ao mesmo tempo, tamén fai énfase na aposta pola sustentabilidade e a adaptación aos principios do deseño universal, xa que ao tratarse dun sistema de construción modular, "podería adaptarse o mobiliario a diferentes necesidades e alturas”.