DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a opinión dos catedráticos Oriol Costa e Francisco García

Mobilidade e globalización, determinantes na investigación en comunicación

Participaron nunha mesa redonda en CC.Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 12/06/2008

Dentro do proceso de reestruturación ao que as universidades están somerxidas para poder adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior, a investigación en comunicación é un dos ámbitos que está a sufrir importantes cambios e que cada vez máis vese marcado por dúas características fundamentais: a mobilidade e a globalización. Así o explicaron o catedrático en Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona, Pere-Oriol Costa Badía e o catedrático en Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade Complutense de Madrid, Francisco García García, nunha mesa redonda organizada coa finalidade de afondar na situación na que se atopa a investigación relacionada con esta disciplina ante o reto europeo.
Deste xeito os convidados explicaron que, coa implantación do novo modelo educativo, vivimos unha situación de crise na que se está a pasar dun sistema de ensino tradicional a outro baseado na internacionalización, na profesionalidade e na privatización da universidade. Segundo comentou o profesor Pere-Oriol, “ante este contexto é onde terán que desempeñar as súas funcións os futuros docentes investigadores”, ao que engadiu que “ tamén hai razóns para o optimismo xa que crece a inversión neste eido e o número de alumnos que se dedican a ela”, explicou o catedrático na súa intervención. Pola súa banda, Francisco García García, apuntou que “o actual modelo é bo, o que sucede é que precisa dunha constante dedicación por parte dos estudantes e dos profesores, cousa que non se da a partir do segundo ano de carreira”, subliñou o doutor.
Por outra banda, ambos conferenciantes afondaron na estrutura dos departamentos ou das áreas que, en función de cada centro, mudarán cara un sistema no que os grupos de investigación serán os protagonistas e “aqueles que non pertenzan a un equipo xa definido, o terán moito máis complicado á hora de desenvolver unha carreira”, apuntou Pere-Oriol.

A tese: o primeiro paso cara a unha carreira investigadora

Ao longo do seminario, os dous convidados coincidiron en que a tese de doutoramento é o primeiro paso para iniciar unha carreira en investigación. “A tese é o que converte a un profesor e docente universitario, cando a rematas pasas a ser o que máis sabe sobre ese tema, ou polo menos ese debería ser o obxectivo”, subliñou Pere-Oriol.
Logo de realizar dous anos de doutoramento e de facer a tesiña, é o momento de dedicarse á parte máis ampla do proxecto e á que moitas persoas dedican gran parte da súa carreira profesional. Respecto a isto, os catedráticos con ampla experiencia en dirixir traballos, concluíron que “non se debe sacralizar a tese, non é a obra da nosa vida, senón que é a porta para entrar no que noutros países de Europa denominan postdoc”, destacou o docente da Universidade Autónoma de Barcelona.
Ademais, durante a sesión, que tivo lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, os asistentes puideron tomar nota de varios consellos que sen dúbida empregaran nos seus traballos de investigación como escoller ben ao director ou dedicar a tese a un tema sobre o que se teña un amplo coñecemento, preferiblemente a nivel profesional.