DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Púxose de manifesto na inauguración do Forumemprego 2008

A mobilidade xeográfica, unha opción de futuro para a carreira profesional

As xornadas chegan a Pontevedra e Ourense os días 19 e 20, e 21 e 22, respectivamente

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 18/02/2008
“Cada vez é máis intenso o movemento de traballadores e empresarios entre as rexións de Galicia e o norte de Portugal”. Con estas palabras comezou Avelino Leite, delegado do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, a súa intervención na inauguración do Forumemprego 2008, unhas xornadas que “prometen moito, xa que a súa acollida está sendo moi positiva, tanto no tocante á asistencia como a atención e interese”, tal como afirma Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade e organizadora do foro.
Tras ofrecer unha análise da situación económica do seu país, afirmado que se atopa “nun momento de reestruturación debido á perda de emprego nos sectores tradicionais”, Avelino Leite animou aos estudantes da Universidade a buscar traballo nas “novas áreas que se están a crear e que demandan profesionais media e altamente cualificados”. “Os indicadores apuntan ao desenvolvemento de todo o que teña que ver con innovación e novas tecnoloxías, co cal os empregos que se crean neste momento son para persoas media e altamente cualificadas, mentres que os que se destrúen son para traballadores con baixa preparación académica”, sinalou o delegado. Ao mesmo tempo fixo un chamamento especial aos estudantes das enxeñerías, un sector no que Portugal precisa man de obra, posto que unha grande porcentaxe de alumnos lusos optan por cursar ciencias humanas.
As inversións europeas que o norte de Portugal recibirá nos próximos anos, a mellora das condicións económicas e salariais e o desenvolvemento da rede de alta velocidade foron outros dos puntos aos que Avelino Leite apuntou como motivos para plantexarse a busca dun futuro profesional no país veciño.
Durante a presentación das xornadas, Leite estivo acompañado por Pedro Borrajo, delgado provincial da Consellería de Traballo e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais que destacou a “importante aposta que a Universidade fai polo desenvolvemento da Eurorrexión”, tanto coa realización destas xornadas como a través das actividades levadas a cabo dentro da Cátedra de Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Pola súa banda, Pedro Borrajo apuntou ao papel que os foros deste tipo desempeñan para chegar a un “diagnóstico da situación real no que respecta ás diferenzas co conxunto da Unión Europea, xa que cada país ten distintas taxas de desemprego, distintos índices de crecemento económico, así como distintas necesidades e cualificacións profesionais”. Precisamente información deste tipo é a que reclaman os estudantes, que acoden coa intención de “saber cómo está o mercado laboral e as posibilidades que abre o espazo europeo”, tal como apunta Vanesa Rodríguez, estudante de Dereito e asistente ás xornadas.

Mobilidade europea

Segundo análises feitas pola Comisión Europea no 2006, “para as persoas individuais, o desexo de incrementar os seus ingresos e gozar de mellores condicións de traballo é o segundo factor impulsor da mobilidade por detrás do desexo de descubrir un novo entorno”, tal como apuntou Pedro Borrajo durante a súa intervención. Por tanto, os factores económicos dominan a mobilidade tanto no ámbito das empresas como no ámbito das persoas e os titulados universitarios son as persoas mellor dotadas para facer fronte á mobilidade xeográfica en materia laboral, xa que posúen os coñecementos, actitudes e aptitudes necesaria. Así, o perfil tipo do demandante de emprego comunitario é o dun mozo solteiro, titulado universitario ou estudante dos últimos cursos con algo ou nada de experiencia profesional que busca a saída a outro país comunitario, unhas veces para mellorar as súas capacidades lingüísticas e outras para adquirir experiencia profesional relacionada coa súa titulación.
Entre os posibles obstáculos que se poden presentar atópase a posibilidade de que non se recoñezan no país de acollida as cualificacións e a experiencia laboral do traballador, ou ben poden ser esixidos certos coñecementos de idiomas. Neste sentido, Iván Area apunta ás vantaxes do “ensino plurilingüe a todos os niveis”.
Unha vez presentado o contexto, Pedro Borrajo sinalou que “o reto fundamental para Europa é facilitar a mobilidade xeográfica mediante a redución de obstáculos instrumentais, legais, administrativos e tamén de carácter social ou de comportamento”.

O Forumemprego tamén chega aos campus de Ourense e Pontevedra

Mentres que os días 18 e 19 o Forumemprego desenvólvese na Facultade de Ciencias, nos campus de Pontevedra e Ourense as xornadas terán lugar os días 19 e 20, e 21 e 22, respectivamente. Así, o contido e os participantes estarán relacionados coas titulacións impartidas en cada un deles, co cal as empresas referidas ao sector tecnolóxico e científico estarán en Vigo, as relacionadas con temas sociais e da comunicación localizaranse en Pontevedra e as de informática ou de alimentación, en Ourense, aínda que tamén haberá entidades que, por abarcar un amplo abano de actividades, estarán presentes nos tres campus.