DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cuarta edición das Xeiras sobre a Lingua Galega, organizadas polos Comités

A mocidade universitaria mobilízase polo dereito a vivir en galego

Comeza a xurdir unha nova xeración de medios dixitais en galego promovidos por colectivos sociais

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 08/02/2012

Fronte aos ataques das administracións ao galego e os recortes das axudas á lingua, é hora de pasar á acción, de que sexa a sociedade a que normalice a vida na lingua propia do país. Esta é a arenga coa que comezou a cuarta edición das Xeiras sobre a lingua galega, organizadas polos Comités, que ao longo da semana analizarán a situación da lingua nas artes, no cinema, na literatura, nos medios de comunicación... En definitiva, como explica Rocío Barreiro Rodríguez, responsble dos Comités en Vigo “pretenden servir de punto de encontro para o debate arredor da normalización da lingua galega, promovendo o seu emprego como idioma oficial da Galiza e da Universidade de Vigo”.

No acto de apertura, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, cualificou o momento actual de “falsa calma” pasados meses xa das mobilizacións en contra do Decreto do galego, “pero seguimos tendo as mesmas dificultades para exercer o noso dereito a vivir en galego, a desenvolver na lingua propia actividades tan cotiás como casar”. Esta falsa calma esconde unha forte marusía na que a sociedade continúa gañando posicións e organizándose para demandar dereitos que lle son negados. Estas demandas levarán a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística a ser xulgado pasado mañá por recriminar ao xuíz de A Coruña que incumprise a Lei de Normalización Lingüística, segundo explicou Paulo Cabral, director da ANL da Universidade de Vigo.

O vicerreitor animou a todos os presentes a adoptar un papel activo na defensa do galego, “non fai falla que sexamos mártires, pero tampouco debemos ceder, é importante que teñamos argumentos para defendernos, que todos nos convertamos en embaixadores do galego”. Un bo exemplo desta toma de conciencia da sociedade é o nacemento neste 2012 de novos medios de comunicación en galego que veñen a ocupar o baleiro deixado tralo peche da gran maioría das cabeceiras en lingua propia dende 2009.

Algo comeza a cambiar nos medios de comunicación

A situación dos medios de comunicación en galego foron un dos temas tratados nesta primeira xornada das Xeiras e a opinión foi unánime entre os tres convidados: “quedamos orfos nos últimos anos, pero albíscase un futuro algo máis optimista”, con novas propostas que saen neste 2012 á rúa. Os encargados de facer debuxo da actualidade mediática en galego foron Denís Fernández, coordinador da edición dixital de Tempos Novos; Marcos Pérez, de Praza Pública e Olalla Rodil, membro do grupo promotor de Sermos Galiza. Coinciden os tres en que no 2011 Galicia estaba nunha situación de orfandade coa desaparición de cabeceiras de referencia como A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira ou Galicia Hoxe. Pero o 2012 preséntase cargado de optimismo, “a pesar da crise específica que viven os medios de comunicación en todo o mundo”, co nacemento de varias iniciativas populares de medios en galego como Praza Pública e Sermos Galicia. Incidiron os tres en que o soporte dixital para estes novos medios, que veñen a unirse a outros con máis traxectoria como Tempos Novos, pode axudar a facer viable o proxecto.

Preguntados sobre a necesidade de contar con xornais na lingua propia, destacaron tanto Denís Fernández como Marcos Pérez e Olalla Rodil que existe unha masa crítica que os demanda e que, no caso de Praza Pública, tras unha semana na rúa, xa acada os 15.000 visitantes ao día.

Pero a necesidade é tamén unha responsabilidade, a de axudar a normalizar o idioma e por iso denuncian a falta de apoios institucionais aos medios en galego, axudas coas “que si contan os grandes medios en castelán”. “É necesario un espazo de comunicación en galego”, apuntaba Marcos Pérez, pero tamén un “espazo galego de comunicación”, con medios que “axuden a construír o país, a transformar a realidade na que vivimos, a falar do que outros non falan e a contar o que queremos que nos conten”, explicaba Olalla Rodil. Ela pertence ao grupo que promove unha destas novas experiencias que se estreará en breve, Sermos Galiza, dende a que avogan por ser cautos coa publicidade nestes medios para que as empresas non poidan influír no contido, “como sucede nos mass media”. Esa independencia, ao non contar con publicidade debe sosterse grazas ao apoio público, da sociedade que coas súas achegas será a verdadeira promotora destes dous novos medios. Neste sentido, Denís Fernández, xa dende experiencia de Tempos Novos sostén que “non se pode agardar a ter gobernos amigos, debemos contar co apoio social”, ben sexa a través de doazóns ou de subscricións, porque “o que paga, manda”.

As xeiras continúan ata o venres con mesas redondas, relatorios, proxeccións e música para analizar a situación do galego en todos os eidos da vida. Na xornada de mañá xoves afondarase no papel que xoga na música, coa presenza de Tonhito de Poi e no ensino da lingua no estranxeiro.