DUVI

Diario da Universidade de Vigo

17 artistas galegos participan nunha mostra comisariada pola directora de Esdemga Lola Dopico

A moda, a arte e a artesanía galega conquistan Madrid

Tras o colleitar un grande éxito no Ego, o traballo de Eva Soto forma parte da exposición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 18/09/2013

A tradición en contraposición á contemporaneidade, a produción local co mercado global e as series limitadas fronte á produción de masas. Co obxecto de amosar que é posible romper con certos estereotipos propios dun mundo globalizado, Lola Dopico presenta, este xoves 19 de setembro, no Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid unha exposición na que participan 17 deseñadores, artistas e artesáns galegos. Os seus traballos botan man de técnicas e oficios ancestrais como poden ser a cestaría ou a alfarería, “buscando solidez e claridade a través dunha linguaxe que pretende ser propia e diferenciadora”, explica a coordinadora da mostra e tamén directora de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, Esdemga.

A colaboración entre o Museo Nacional de Artes Decorativas e a Universidade de Vigo fixo posible que finalmente unha escolma da produción destes artistas e deseñadores se expoña en Madrid baixo o título Hacer Diseñar Pensar. Piezas, experimentos y caminos del diseño e coa sinatura de Lola Dopico. Para a directora de Esdemga esta mostra “é unha reflexión heteroxénea sobre as estratexias de relación do deseño de obxectos que, ata o de agora, se atopaba a medio camiño entre o propio deseño, a arte e a artesanía”. A maiores, para a coordinadora da exposición, esta é unha oportunidade única para dar a coñecer os traballos tanto do profesorado coma do ex alumnado do centro de Esdemga.

Sara Coleman, José Castro, David del Río, Manuel Bolaño, D-Due, Xabier Lorenzo, Silvia García, Fernando Suárez, Saray Fernández, Isabel Mastache, Eva Soto, Mercedes García, Esther Lebrato, Silvia Moure, Jessica García, Silvereira e EFerro son son nomes dos 17 deseñadores de moda, artistas e artesáns que participan neste innovador proxecto expositivo que se poderá visitar na cuarta planta do Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid ata o vindeiro día 5 de xaneiro de 2014.

Coa participación do profesorado e ex alumnado do centro

Tanto a recoñecida deseñadora de moda e profesora de Esdemga Sara Coleman como os creadores D-Due (Charo Froján e Alfredo Olmedo) participan nesta exposición achegando algunhas das súas pezas máis coñecidas e recoñecidas polo público galego e español. Tamén presentan fragmentos das súas coleccións os deseñadores José Castro e Manuel Bolaño. De feito, o traxe de peliqueiro de Bolaño é un dos reclamos desta mostra “ata o punto de converterse na imaxe de portada do catálogo da exposición”, relata Lola Dopico. Outra docente, esta vez da Facultade de Belas Artes, Silvia García tamén quixo participar neste proxecto levando ata Madrid os seus tuppers.

Sargadelos tamén estará presente no museo madrileño grazas ao traballo de Saray Fernández quen elixiu para amosar nesta exposición unha das súas chaquetas elaboradas con tea e cerámica. Un conto infantil deulle ás a Mercedes García para deseñar unha saia na que a madeira ten un peso moi notorio en detrimento da tea. Os sombreiros tamén terán un papel moi importante nesta mostra xa que tanto Esther Lebrato coma Jéssica García presentan varios exemplares. Os primeiros están feitos con papel e cerámica e os segundos de madeira. A maiores, García presenta tamén unha saia elaborada coa tea dun paracaídas, comenta a coordinadora da exposición.

A deseñadora Eva Soto achega ata o Museo Nacional de Artes Decorativas un origami realizado con papel e seda, tan só uns días despois de colleitar un grande éxito, tanto de público coma de crítica, cos seus vestidos de alta costura na pasarela EGO celebrada tamén na capital madrileña. Pola súa banda, os artesáns Silvereira traballan as formas clásicas da xoiería e ourivería pero usando como materia prima a madeira. Tamén este nobre material é protagonista da obra da última as artistas que participa nesta exposición, EFerro, que deseña zocos engadíndolles outros elementos que fan deles unhas pezas únicas.

El Ego amosa todo o potencial dos exalumnos de Esdemga

Un ano máis o alumnado egresado de Esdemga participa na últma edición da pasarela EGO ao abeiro da Mercedes-Benz Fashion Week de Madrid. Nesta ocasión foron as deseñadoras Eva Soto e Andrea de la Roche as encargadas de amosarlle ao público as súas coleccións. Nesta plataforma para os novos talentos da moda De la Roche presentou uns deseños inspirados na zooloxía e Souto pechou o desfile cos seus vestidos de alta costura. Ambas as dúas deseñadoras colleitaron numerosos éxitos nesta xornada pero, destaca a acollida que tivo a colección de Eva Souto quen sorprendeu aos asistentes cun dos seus vestidos. Elaborado con 30 metros de tea, que ela mesma cortou e trenzou, este vestido palabra de honor causou sensación segundo recollen os medios de comunicación especializados. A arte do origami é unha das constantes da produción desta deseñadora tamén quixo participar na mostra comisariada por Lola Dopico.

Tal e como salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, é habitual que ex alumnas e alumnos da escola participen nesta plataforma, “de feito esta é a segunda vez que Eva Souto desfila en EGO”, asegura. Orgullo é a palabra que mellor define os sentimentos do profesorado deste centro pontevedrés a pesares de que Dopico reclama “unha maior atención por parte das institucións para facer visible o traballo destes novos deseñadores e deseñadoras”. A directora da escola recoñece que “dende este espazo seguimos apoiando aos noso antigo alumnado, ofrecéndolle asesoramento ou mesmo facilitándolles un taller no que traballar”. O vínculo co estudantado non remata cos estudos académicos senón que vai moito máis aló, conclúe.