DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto comisariado por Lola Dopico e Silvia García

Moda e artesanía, unha conversa íntima no Museo do Pobo Galego

A exposición poderá visitarse en Santiago de Compostela ata o vindeiro 6 de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 17/07/2013
Estudar con detemento a relación existente entre a artesanía tradicional e o deseño máis actual e rompedor é unha das liñas de traballo do grupo de investigación DX7 da Universidade de Vigo e froito deste labor nace a exposición O diálogo creador, unha mostra comisariada por Lola Dopico e Silvia Garcia e na que se amosa o traballo de nove deseñadores e deseñadoras dispostos a introducirnos “nun territorio conformado polo cruce entre disciplinas e linguaxes que proceden da arte, do deseño e da artesanía”,salienta a propia Dopico.

Deseñadores e artistas xa consagrados como Manuel Bolaño, José Castro, Sara Coleman, Anna Champeney, D-Due, Eferro ou Silvereira participan nun proxecto expositivo que se inaugura este xoves no Museo do Pobo Galego e na que colaboran dúas ex alumnas de Belas Artes e Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza, Isabel Mastache e Sarai Fernández Márquez.

Cunha finalidade puramente pedagóxica xorde esta iniciativa que pretende amosarlle aos visitantes do museo compostelán “como reinterpretan e rescatan os deseñadores de hoxe en día a tradición e a artesanía do país e como a inclúen nos seus propios deseños”, salienta Silvia García. Froito da colaboración entre a deseñadora e profesora de Esdemga Sara Coleman e a artesá Idoia Cuesta preséntase nesta ocasión unha peza única na que ambas deseñaron e fabricaron un vestido de alta costura empregando as técnicas da arte tradicional da cestaría.

Outra peza “rechamante para o público” segundo García, comisaria da exposición xunto a Lola Dopico, son as xoias de ouro realizadas por Silvereira. “Se o visitante non pon atención é difícil que caia na conta de que estas pezas están realmente feitas en madeira e talladas a man”. Entre o traballo dos deseñadores xa consagrados, a comisaria tamén destaca o traballo de D-Due que recupera os remendos que as avoas acostumaban colocar nas sabas para aproveitalas máis tempo e inclúeos nos seus vestidos e saias. Tamén salienta García a proposta de Isabel Mastache que xoga coa estética propia dos peliqueiros e a cerámica nun traballo no que empregou unha manta zamorana para crear unha chaqueta cargada de diferentes motivos elaborados de xeito artesanal e unicamente con cerámica.

Recuperando unha parte da historia e da cultura galega

“O modelo produtivo artesán está no histórico da nosa cultura, renovalo e poñelo en clave contemporánea é o que procuran os creadores presentes nesta mostra e que supoñen un territorio de innovación e investigación en construción”, destaca Lola Dopico. Enfrontar tradición e contemporaneidade, produción local e mercado global, series limitadas fronte á produción de masas é a fin o obxectivo final que persegue esta exposición na que tamén colaboran a Xunta de Galicia, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e Tracker Laboratorio Audiovisual.

A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 6 de setembro. O horario de visitas de martes a sábado é de 10.30 horas a 14.00 horas en horario de mañá e dende as 16.00 horas ata as 19.30 horas polas tardes. Os domingos e festivos o Museo do Pobo Galego permanece aberto entre as 11.00 horas e as 14.00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.