DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eva Soto e Nunu Solsona imparten os obradoiros Debut 2011 sobre técnica origami e calzado artesanal

A moda busca deseñadores únicos como o número do DNI

As novas promesas atoparán un oco no negocio se deciden diferenciarse da competencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 21/11/2011

Ser únicos, como o número do DNI, é o que pode axudar á canteira de novos deseñadores galegos a facerse un oco no mercado da moda. Esta postura é a que defenden Nunu Solsona e Eva Soto, profesionais do deseño convidadas aos obradoiros organizados por Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, ao abeiro do programa de actividades de Debut 2011. Mentres que a primeira modista afonda na creación de calzado artesanal, a segunda amosa as aplicacións na moda do origami, unha técnica xaponesa “para que o alumnado atope a súa identidade propia, o valor engadido que lle permita loitar neste mundo”, explican as profesoras.

Os obradoiros, de dous días de duración, teñen como obxectivo espertar a inspiración do alumnado dos primeiros cursos de Esdemga para que sexan quen “de buscar e de definir o seu camiño dende xa”, sinala a deseñadora catalana Nunu Solsona. Dende a experiencia de crear a súa marca propia, Deux souliers, Solsona defende a necesidade de que os estudantes atopen “a súa linguaxe, o que queren ser e transmitir a través das súas creacións,” dende os primeiros anos de carreira, “pois soamente así atoparán un oco no mercado, entre as grandes marcas de moda”. Algo no que coincide Eva Soto, para quen a fórmula de supervivencia e superación está na diferenciación, “procurando formas, creacións e posibilidades que acheguen un valor engadido á prenda e que che fagan ser distinto dos demais”. De aí que a deseñadora galega optase por especializarse na técnica xaponesa do origami, creando pezas de roupa exclusiva que esixen moitas horas de traballo manual “e que non se atopan en calquera tenda de moda”.

Técnicas que esixen coser a man

No obradoiro sobre deseño e creación de calzado, o alumnado de segundo curso de Esdemga recibe da man de Solsona as nocións básicas para crear un zapato dende un debuxo. Como aclara a catalana, moitos dos novos deseñadores chegan a realizar o bosquexo do calzado, pero logo son incapaces de levalo á práctica “porque hai que coñecer a técnica para despois montar un, sabendo onde hai que agarrar o calzado, onde hai que colocar a tira… para que sexa un deseño estético e funcional” . Especialista en costura de calzado a man e de forma artesanal, Nuno Solsona, achega ao estudando a importancia de estudar a proporción do pé, as pezas que hai que deseñar para dar forma a un zapato, os mellores materiais, o proceso de montado… antes de iniciarse en calquera deseño en papel.

Eva Soto buscou inspiración na cultura xaponesa traendo de Oriente a técnica do origami, unha especie de papiroflexia na que se prescinde de tesoiras e pegamento para empregar só papel e mans. Soto emprega esta arte con tecidos para crear vestiarios de alta costura feitos a man. Para aprender a técnica “as primeiras prácticas deben facerse con papel” e, aínda que pode resultar “moi matemática e cuadriculada”, a modista explica que non precisa coñecementos previos, “pois soamente fai falla un pouco de habilidade nas mans, papel, tela e tesoiras”.

Deseños imposibles moi “Lady Gaga”

No arranque dos obradoiros xa foron saíndo os primeiros bosquexos. Un dos alumnos do taller de calzado xa deseñara en papel un zapatos cun excesivo tacón, “moi ao estilo Lady Gaga”, polo que a profesora Solsona lle advertiu que tivera en conta a ergonomía e o punto de apoio do calzado. Marta Domínguez e Elena Rial, que tamén están desenvolvendo o seu propio prototipo de zapato, destacan a importancia deste tipo de formación “porque complementan o que damos en clase e permítenos coñecer nocións para que nun futuro poidamos desenvolver un look completo, de arriba a abaixo”. Os estudantes de primeiro curso de Esdemga optan por aprender a técnica xaponesa “da que estamos seguros que sairán resultados moi vistosos, a pesar da paciencia e tempo de dedicación que esixe”, conclúen.