DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseñador galego Roberto Verino puxo fin a esta edición dos 'Xoves de Moda'

Moda comprometida para converter os soños nunha realidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 24/05/2013

Grazas a millonarias campañas de publicidade, as grandes marcas da moda a nivel mundial conseguen influír no vestir de milleiros e milleiros de persoas cun poder adquisitivo moi por riba do das clases medias ou medias-altas. “Para o resto dos mortais, mercar produtos desas firmas é un soño” asegurou Roberto Verino na conferencia que impartiu este venres na Facultade de Belas Arte no último dos Xoves de Moda deste ano que organiza o centro de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga). Este elemento de “exclusividade” explica perfectamente o éxito que están a ter as copias que se fan destes produtos dirixidos a tan só uns poucos, “sendo as propias marcas as que impulsan este fenómeno”, relatou o deseñador galego.


Un produto funcional e de calidade

Unha das claves do éxito da firma Roberto Verino é, segundo o seu propio creador, ofrecerlle á sociedade “un produto cun deseño sinxelo, de calidade exquisita e funcional”. O importante segundo o deseñador é “aceptarse, valorarse e quererse” evitando así converterse “nun escravo da moda”. A través dos seus deseños, o verinense “intenta facer feliz á xente conseguindo que a persoa se vexa diferente pero sen chegar a estar disfrazada”. A honestidade no traballo, “ofrecéndolle realmente ao cliente aquilo que lle dis que lle das a un prezo razoable”, é unha das súas máximas. Mais, “o motor da economía é a demanda e agora mesmo está estancada, sobre todo en países como España ou Portugal. Os soños das persoas son o único xeito de reactivala” salientou.

Comprometida e democrática

Na actualidade hai dúas grandes correntes de pensamento que analizan polo miúdo este sector dinámico e en constante evolución. Por unha banda estarían aqueles expertos que entenden que a moda é algo exclusivo, dirixido a unha selecta minoría, o que a converte nun soño para a inmensa parte restante da poboación. Os partidarios desta visión “amósannos prendas feas ou imposibles de usar así como deseños con cores que non evidencian a situación de crise que estamos a vivir”, comentou Verino. No outro extremo, atopamos a aqueles deseñadores comprometidos e críticos coa propia moda que entenden que esta ten un papel na sociedade como defende este galego.

Gozar traballando

“Eu non veño aquí a dar consellos a ninguén. Só lles dirían aos futuros deseñadores e deseñadoras que se de verdade lles gusta isto poñan nel toda a súa paixón para lograr que o esforzo non sexa un esforzo. Hai que gozar traballando”, salientou o deseñador. Animou aos presentes no Espazo 16 da Facultade de Belas Artes a facer do seu traballo un hobby e aseguroulles que leva moitos anos traballando arreo sen tempo para unhas vacacións “pero aínda teño enerxía para dar e tomar”.

Esta conferencia do deseñador verinense puxo punto e final á programación dos Xoves de Moda 2013 nos que tamén participaron as deseñadoras María Barros e Paula Núñez, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e a arquitecta e directora do Máster en Retail Desing, da Escuela Superior de Diseño e Ingeniería de Barcelona, Elisava, Carmen Malvar.