DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseñador mallorquino Lluis Corujo, novo convidado aos ‘Xoves de Moda’

A moda concibida como medio de expresión persoal

Recentemente gañou o premio L´Oreal á mellor colección no Ego de Cibeles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 07/04/2011

Se por algún aspecto se debe destacar esta sexta edición dos Xoves de Moda é polo achegamento de experiencias coas que os futuros titulados de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza, se poidan identificar nun corto prazo. Esta semana o protagonista é o deseñador mallorquino Lluis Corujo, quen acaba de gañar o premio L`Oreal á mellor colección no Ego de Cibeles neste mes de febreiro. Cun perfil “moi atractivo para a xente nova”, en palabras de Lola Dopico, directora de Esdemga, concibe a moda “como un medio de expresión que me permite estar en contacto con persoas creativas e mellorar”, comenta o propio deseñador.

Cando Lluis Corujo crea unha colección considera que está a realizar un exercicio artístico no que atopa refuxio, “sentíndome independente e autónomo para facer o que queira e poder así dar unha visión persoal do mundo”, aclara o propio Corujo. Para el o deseño é como unha linguaxe coa que se está a comunicar e na que ten tanta importancia “os factores socioculturais que me poden inspirar como a experimentación a nivel técnico e artesanal, dando lugar a un traballo de calidade”, engade.

O principal “motor” que lle impulsa a crear é o seu propio inconformismo, “cunhas ganas ferventes de ofrecer ao mundo as túas ideas e pensamentos”. As súas propostas caracterízanse por presentar unha mestura entre o conceptual e o estético “con coherencia”, ademais de reflectir o seu dominio da técnica, “demostrando en cada prenda de roupa todo o ben que podo traballar”, aclara.

Consciente da vertente comercial da moda

Recoñece que o aspecto pecuniario non é o que o move a crear, mais si que é consciente de que para manterse e seguir creando “si que hai que ter en conta os aspectos comerciais e a viabilidade dos proxectos”. Como consecuencia, á hora de bosquexar unha colección, non se afasta do comercial porque en esencia “estamos ofrecendo un produto que debe resultar apetecible e que a xente o queira vestir”.

Como convidados anteriores aos Xoves de Moda, Lluis Corujo tamén se atopa desenvolvendo a súa marca propia, labor que compaxina coas súas colaboracións co coñecido deseñador Miguel Androver. A pesar de que en contadas ocasións sente “frustración porque non hai tempo, diñeiro nin infraestrutura”, desenvolver unha marca de seu está cheo de satisfaccións, “sobre todo persoais, pois sénteste quen de crear e crer no que fas”. Tanto é así que no último desfile do Ego de Cibeles alzouse co premio L`Oreal á mellor colección o que “nos axuda a dar a coñecer as nosas propostas e sobre todo, a existir nos medios”.

O vindeiro 14 de abril os Xoves de Moda pechará a súa sexta edición con Dora Romero, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e “unha deseñadora que foi quen de crear unha marca pequena e a súa medida en Barcelona, da que fixo a súa forma de vida”, concluíu a directora de Esdemga.