DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A moda creativa e imaxinativa centra a semana de actividades de Pontevedra Debut09

A terceira promoción de Esdemga exhibe os seus proxectos de fin de carreira o día 26

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 19/11/2009

A terceira edición de Pontevedra Debut presenta un programa de eventos variados en torno á moda entendida como un ámbito para a creatividade e a imaxinación. Durante unha semana completa, dende o 23 ao 27 de novembro, a Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia convértese na promotora en Pontevedra das tendencias máis innovadoras do sector. Así o sinalou Lola Dopico, a directora de Esdemga, na presentación do extenso programa de actividades deste ano, que inclúe, xunto ao acto central que constitúe a Pasarela Debut09, un abano variado de obradoiros, encontros en aberto e xornadas profesionais, a través do que o alumnado da escola poderá entrar en contacto coa realidade laboral e profesional.
Dopico salientou como un dos elementos máis significativos deste ano a composición do xurado, que cualificou como “de excepción, un luxo absoluto e unha mostra da transdisciplinariedade que busca o certame”. Estará integrado por Diane Pernet, unha recoñecida crítica parisiense, autora dun dos blogs de tendencias máis visitados; Nicolas Vaudelet e Diego Íñiguez, responsables da firma El Caballo; José Castro, deseñador pontevedrés destacado no ámbito estatal, que ven de gañar o premio L’Oreal en Cibeles; Lucas Arraut, responsable do suplemento xuvenil EP3 de El País; Sofía Clarí, directora creativa de pasarelas como El Ego e a do FIB; e Emilio Tuñón Álvarez e Luís M. Mansilla, dous destacados arquitectos, autores de proxectos como o do MUSAC de León. A súa presenza supón, segundo Dopico, “un gran apoio, no camiño de converter ao Debut e a Esdemga en referentes”.

Tecidos Liberty, insectarios e bufóns con corte Felipe II

Na pasarela Debut09, que terá lugar o xoves 26 de novembro no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra a partir das 20.30 horas, presentaranse catro proxectos diferentes da escola: Liberty, Felipe II, os traballos do alumnado de segundo curso e as creacións elaboradas polos estudantes de último curso para os seus proxectos de fin de carreira.
Liberty é unha proposta desenvolvida a partir dos tecidos cedidos pola prestixiosa casa inglesa do mesmo nome, para o que se desenvolveron oito estilismos de carácter infantil. Esdemga amplía así as súas colaboracións internacionais, no que supón tamén un primeiro paso de cara a unha colaboración máis ampla con esta prestixiosa marca.
Deseguido quince alumnas e alumnos de segundo curso amosarán as súas coleccións en torno a varias liñas de traballo, baseadas en insectarios e herbolarios ou zeppelins e máquinas voadoras, sistemas cristalográficos e caleidoscopios, para as que se contou coa colaboración do deseñador e fotógrafo italiano Carlo Mollino.
Unha serie de proxectos en torno á figura de Felipe II desfilarán no terceiro pase. Son da autoría de doce alumnos e alumnas de segundo curso, que traballaron ananos, bufóns, monstros e estética de cor negra a corte de Felipe II.
Pecharán a pasarela, como é hatitual, as propostas dos doce novos deseñadores que compoñen a terceira promoción de Esdemga. Entre estes proxectos escollerase o Premio Final de Estudos e o Premio Especial do Xurado

Reciclaxe, ilustración e xastrería

Nos tres días previos ao desfile, de luns a mércores, desenvolveranse varias actividades de encontro con diferentes profesionais, pensadas como actividades práctivas dirixidas ao alumnado da escola e tamén, nunha segunda convocatoria na Casa das Campás, como seminarios abertos a todas as persoas interesadas polo mundo da moda. FranÇois Winberg e Vanessa Losada, membros de Back to Basic Tank, darán un workshop co título de UN-DO Fashion, que propón repensar e refacer moda a partir roupa en desuso que recolleron nun contedor instalado na escola desde principios de outubro. Esta iniciativa busca darlle unha segunda vida á roupa e, como sinalou Dopico, “facer unha reflexión sobre o ritmo de consumo da moda”.
Berto Martínez, un dos novos ilustradores españois con maior proxección, colaborador de revistas como Vogue e marcas como Coca-Cola, Alfa Romeo ou Custo, tratará a ilustración para moda. E J.J. Boullosa falará das aplicacións da xastrería, un taller que Dopico cualificou como un “acto de xenerosidade” por parte do emblemático xastre pontevedrés, colaborador habitual da escola.
Así mesmo, Amai Rodríguez, ex alumna de Esdemga seleccionada dous anos consecutivos para a pasarela El Ego, relatará a súa experiencia persoal. Dopico considera importante este tipo de encontros, porque “amosan a experiencia da xente que está na primeira fase, desmitifican a profesión e achegan unha visión real do eido laboral”. O obxectivo xeral destas actividades é “abordar transversalmente as disciplinas da moda”.
A programación da semana pechará o venres cunha xornada profesional na que o estudantado terá un encontro directo con invitados de empresas punteiras na industria e o comercio téxtil e da moda nacionais, como Caramelo ou Bimba e Lola, aos que terán a oportunidade de amosarlles as súas creacións. Ese mesmo día, José Castro impartirá un seminario maxistral aos estudantes de primeiro de Esdemga.

As últimas tendencias enfrontadas á moda do XIX en dúas exposicións

Ademais, como nos anos anteriores, o día da pasarela Debut inaugúranse dúas exposicións, tamén no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. Unha delas amosa a última colección de Amai Rodríguez Coladas, que obtivo o Premio L’Oreal de Ego da Pasarela Cibeles. Dopico sinalou esta mostra como unha oportunidade para achegarse ás tendencias máis creativas da moda e poder ver unha “colección magnífica, moi imaxinativa e do máis alto nivel”. A segunda estará centrada na moda da burguesía feminina en Pontevedra, que rescata fondos do período 1856-1929, pertencentes ás irmás Mendoza. Ademais de prendas, nesta mostra poderán verse figuríns e publicacións que amosan os deseños preferidos da época.