DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga colabora coa Asociación Galega de Glaucoma nunha exposición de traxes o 10 de marzo en Vigo

A moda non entra só polos ollos

Alumnado da escola presentará estilismos con bordados que integran mensaxes en 'braille'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 09/03/2012

O sentido da vista é o que permite ao ser humano gozar e valorar a moda. Agora ben, que ocorre con esas persoas que teñen problemas de visión? Froito desta reflexión nacen os estilismos cos que alumnado de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, participa na exposición Moda por el Glaucoma, organizada pola Asociación Galega de Glaucoma con motivo do día mundial de dita enfermidade. O 10 de marzo no Centro Comercial Travesía de Vigo, mostraranse 28 propostas de novos deseñadores creadas para un evento “no que Esdemga participa coa intención de amosar como a moda é accesible para todo o mundo”, explica a profesora Rocío Gómez Juncal.

Co fin de concienciar sobre o coidado da vista, Asociación Galega de Glaucoma decidiu nesta edición reorientar a súa estratexia de anos anteriores e apostar por unha "actividade diferente", como unha exposición de estilismos. Por iso solicitaron a colaboración das principais escolas de moda da provincia entre as que se atopa Esdemga. Como sinala Gómez Juncal, esta proposta chamou a atención de alumnos e profesores “porque permite amosar o lado pragmático da roupa, afastándose da vertente máis frívola e superficial coa que se adoita relacionar á moda”. A mostra, ademais dunha iniciativa solidaria que axuda a proxectar o talento dos estudantes máis aló da escola, “promove o concepto de moda para todos e todas”, deseñando prendas para calquera persoa independentemente da súa condición física ou mental.

Bordados feitos en braille

Esdemga reuniu a sete alumnos e alumnas dos primeiros cursos que crearon un total de seis estilismos “ideados con absoluta liberdade e sen restricións”, sinala a profesora Gómez Juncal. Yeray Suárez, Raquel Álvarez, Laura Garre, Javier Nogueiras, Pedro Vilar, Marcos Zacarías Rey e Raquel Chapela son os estudantes que este sábado amosarán por primeira vez en público as súas propostas feitas con tecidos facilitados pola asociación. Grazas ao contexto de liberdade creativa, algúns dos alumnos participantes abriron as portas a novos campos de experimentación no deseño de moda con resultados “moi interesantes e de calidade”. É o caso de Raquel Álvarez e Yeray Suárez, alumnos de segundo curso, que deseñaron nas súas prendas bordados que plasman unha mensaxe en braille “cos que un invidente pode ler e coñecer que peza está tocando”, explican. Colocaron en cada prenda o nome da mesma “co fin de que poida gozar da moda aínda que sexa a través do tacto”.

Para os alumnos esta proposta “é unha forma de interactuar co deseño” promovendo uns estilismos funcionais pero ao mesmo tempo estéticos “xa que os bordados achegan colorido e complementan á peza”. Contaron coa colaboración da Fundación ONCE Pontevedra “que nos asesorou en todo momento da posición idónea dos bordados para facilitar a lectura” ademais de testar os resultados “pasando o exame sen problema”, engaden.

Novas liñas de investigación para a titulación

O alumnado amosouse moi entusiasmado con este tipo de colaboracións “xa que abren novas liñas de traballo nas que podemos innovar e levar a cabo proxectos distintos dos que facemos habitualmente”, apunta a alumna Raquel Álvarez. Nesta idea tamén fai fincapé a profesora Rocío Gómez, que salienta a posibilidade de establecer na escola novas liñas de investigación “nas que unir moda, aprendizaxe e textura para afondar en modos de utilidade para diferentes colectivos”.