DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora independente Miriam Ponsa, nova convidada á sétima edición dos ‘Xoves de Moda’

A moda reinvéntase mirando cara a tradición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 20/04/2012

Este xoves a Casa das Campás acolleu unha nova xornada dos Xoves de Moda, na que a deseñadora catalá Miriam Ponsa compartiu co alumnado de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, a súa visión particular do sector. Esta deseñadora independente concibe a moda como unha continua experimentación, tanto na patronaxe como nos tecidos empregados, buscando inspiración nas técnicas artesanais e “integrando o saber facer tradicional no deseño contemporáneo”, explicou Lola Dopico, directora de Esdemga e coordinadora das xornadas.

A investigación que desenvolve Ponsa arredor do deseño é “completamente” libre, baseada na súa propia experiencia e en todos os fenómenos que lle rodean. As súas pezas adoitan ser resultado de combinar técnicas modernas e innovadoras, como o drippling ou o marbling, coas reminiscencias das disciplinas máis antigas, botando man das técnicas artesás empregadas para a fabricación de canastras, para a tapicería ou para a elaboración de tecidos no tear manual. Desta mestura de “épocas” saen deseños únicos, que aínda que son froito da experimentación, gozan de funcionalidade para a muller do día a día. Catalogada como deseñadora independente, para Ponsa a moda debe levar implícita unha liberdade creativa e empresarial.

10 anos de “intenso” traballo

O proxecto empresarial de Miriam Ponsa comezou no ano 2000 coa reforma da antiga fábrica familiar, que a restaurou para instalar o seu taller e a súa tenda de roupa. Tras unha década de intenso traballo, a súa marca segue medrando e recentemente comezou a desenvolver unha nova liña de zapatos, complementos e marroquinería, ademais de abrir unha tenda online que posibilita a venta de roupa en países estranxeiros.

Os Xoves de Moda volven a vindeira semana con Javier Gutiérrez Bayo, socio do estudo creativo madrileño SuTurno. Ademais de traballar para a súa propia marca, Bayo tamén deseña para outros clientes como Zara Home, sobre todo no terreo da estampación téxtil. Nesta nova edición, as xornadas buscan achegar experiencias empresariais que reinterpretan o valor do feito a man, da artesanía, dende unha óptica experimental e innovadora para que o público reflexiones sobre as tendencias emerxentes do panorama actual.