DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 500 persoas danse cita no II Congreso Internacional de Docencia Universitaria

O modelo de formación, máis preto dos anos 60 que do século XXI

O profesor Joan Rué ve ao alumnado lonxe da alta autonomía que esixirían os métodos formativos do fu

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 30/06/2011

O ex ministro Joan Majó recolle no seu último libro dous patróns económicos diferenciados, o empregado nos anos 60 e ao que hipoteticamente a crise derivará aos cidadáns a partir de 2020. Un esquema que o profesor Joan Rué, da Universidad Autónoma de Barcelona, non dubida en aplicar aos modelos formativos das universidades españolas, aínda non tan envorcados no futuro. “Os métodos formativos de hoxe en día están máis preto do que ocorría nos anos 60 que do que ocorre en pleno século XXI. Eses novos modelos esixen unha alta autonomía por parte do alumnado, unha gran capacidade de afrontar e resolver problemas, incluso de plantexalos, pero nas nosas aulas moitos dos estudantes só veñen a pedir solucións a cuestións concretas”, asegurou o catedrático durante o relatorio inaugural do II Congreso Internacional de Docencia Universitaria, que reunirá a máis de 500 persoas durante tres días na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Nun momento de cambio no que o debate sobre o que é calidade ou as expectativas laborais está no aire, este congreso supón “un punto de encontro e intercambio onde aprender e mellorar todos como profesores e como persoas”, explicou Pedro Membiela, presidente do comité organizador. É precisamente nese contexto de inclusión de novas ferramentas e das novas tecnoloxías que “modifica sustancialmente” a relación entre profesor e alumno onde a ensinanza volve a coller o protagonismo que lle corresponde. “Despois de que a docencia fora durante moito tempo a única misión da universidade, que debía encargarse de formar axeitadamente a quen pasaba polas súas aulas, nos últimos anos esa transferencia do coñecemento foi perdendo importancia. Pero non hai que perder de vista que o obxectivo primordial debe ser a preparación dos futuros profesionais que demanda a sociedade”, subliñou José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidade da Xunta.

Novos medios para novos fins

Dende hoxe, os participantes porán enriba da mesa temas como a inserción laboral dos egresados, a motivación do profesorado e a súa formación, a calidade no ensino ou o uso das novas tecnoloxías nese intento por adaptarse aos novos requerimentos da sociedade, á que “hai que renderlle contas”. Pero tamén será o momento de facer un seguimento da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior “poñendo en común as dificultades que enfrontamos, como conseguimos superalas e cales van ser os retos de futuro. Será unha oportunidade única para devolver a docencia ao sitio que nunca debeu perder, xa que nos últimos anos se lle estaban dando máis importancia á investigación, que era o que determinaba o currículo dun docente dende o punto de vista externo”, lamentou Raquel Díaz, concelleira de Economía, Facenda, Patrimonio e Educación do Concello de Vigo.

Fomentando a investigación da docencia

O congreso serve tamén para ter visións novas para mellorar o traballo docente e “intentar mirar dende unha distancia san o que nos espera, un futuro xeneroso e o suficientemente amplo”, recordou Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade. Nesta segunda edición foméntase a investigación na docencia nun momento de adaptación total ao Plan Boloña, que conta con moitos disidentes “que cren que calquera tempo pasado foi mellor. Pero ese recordo non é bo conselleiro á hora de afrontar un futuro no que a universidade está obrigada a cumprir coa súa responsabilidade como servizo público” e ofrecer a formación máis cualificada adaptada “inevitablemente” aos novos coñecementos científicos e tecnolóxicos.