DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vicerreitores de RRII e do campus recibiron aos 30 estudantes na Casa das Campás

A modernidade e os programas determinan a elección dos estudantes estranxeiros chegados ao campus

Proceden dunha ducia de países, sendo Brasil o primeiro en número

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 18/02/2009

Un cuadrimestre para disfrutar, aprender e coñecer unha nova cultura. Así se presentan os próximos meses para os máis de 30 estudantes estranxeiros que este cuadrimestre se incorporan á Universidade de Vigo no campus de Pontevedra. A benvida oficial déronllela este mércores o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e o vicerreitor do campus, Jesús Hernández. Este último animounos a participar no amplo abano de actividades, tanto deportivas como culturais, que organiza a vicerreitoría e desexoulles unha “feliz estadía”. Area, que lles trasladou tamén a benvida do reitor, fixo unha breve exposición “da rica cultura galega” e dalgunhas das súas señas de identidade, como os castros, petroglifos, praias, ríos, tradicións ou música. Para comenzar cunha parte de esa cultura como é a gastronomía despois do acto os estudantes puideron saborear platos típicos. Para aqueles a quen estes catro meses lles saiba a pouco, Area tamén presentou un curso de verán de galego que se desenvolverá durante vintecinco días no mes de xullo para o que se ofertan 25 bolsas de 450 euros.
No acto tamén estiveron presentes Jorge Figueroa, director do Centro de Linguas, que lles presentou a oferta de cursos de español e Sandra González, da Oficina de Relacións Internacionais, que lles ofreceu a dispoñibilidade para axudalos na súa estancia. Nestes meses, os estudantes estranxeiros dos tres campus da Universidade participarán en varias viaxes para coñecer sitios como Porto ou Baiona.

Modernidade e bos programas

Para moitos, a Universidade de Vigo e a cidade de Pontevedra serán a porta para coñecer o resto de España. É o caso dos austríacos Herbert Walcher e Katharina Grafenauer que buscan “o bo clima de España” e, na súa primeira impresión, Pontevedra “é unha cidade bonita e tranquila para vivir”. Hanna Haimivaara e Karoliina Tolli, estudantes finlandesas de Belas Artes, sabían que o campus de Pontevedra era unha aposta segura pola "sociabilidade" dos españois e porque “unha profesora nosa xa estivo aquí hai uns anos e recomendóunolo”. Julia Nobre, da Universidade Federada de Río de Janeiro, buscaba “enriquecer o curriculum vitae para conseguir un bo traballo”. Iso e os coñecementos de español decidírona a incorporarse este cuadrimestre a escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. Fronte a outras universidades máis antigas e tradicionais, Anne de Bakker e Michelle Ouwfricerk, escolleron a Universidade de Vigo pola súa “modernidade” e o programa de materias de Belas Artes.

34 estudantes de 12 países

Aínda que a maioría do alumnado estranxeiro se incorpora á Universidade de Vigo froito do programa Erasmus tamén hai unha delegación importante de visitantes de América grazas a acordos bilaterais entre as universidades. De feito, a brasileira é a delegación máis numerosa, xa que serán sete os alumnos que estuden no campus. A eles únenselle tres mexicanos. No caso co continente europeo, o grupo máis numeroso é o de Portugal, con cinco estudantes. Catro rumanos e catro ingleses, canda tres finlandeses e dous gregos e holandeses aos que se unen un estudante alemán, un austríaco, un esloveno e un italiano completan o grupo de estudantes estranxeiros.
En canto aos centros de acollida, a maior parte dos alumnos estudarán nas facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación, con 17 e 15 alumnos respectivamente. Outros dous estudantes incorporanse á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.