DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para dar cumprimento á Lei Orgánica de Universidades

Modificadas as normativas que regulan os concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e o procedemento de selección de profesorado contratado doutor

Acordo por asentimento do Consello de Goberno

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/10/2008

A modificación da Lei Orgánica de Universidades 6/2001 pola LOU 4/2007,o establecemento dun sistema de acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios mediante o Real Decreto 1312/2007 e a nova regulación dos concursos de acceso a corpos docentes universitarios, están na orixe da modificación da actual normativa da Universidade de Vigo que regula os concursos de acceso ao corpos docentes universitarios á que hoxe deu luz verde por asentimento o Consello de Goberno.
Tanto no caso dos corpos docentes universitarios, como no dos contratados doutores a nova normativa prevé a exposición dun proxecto docente e investigador aos candidatos. En canto á esixencias de sexenios aos membros da comisión acordouse, tras o debate mantido entre os membros do Consello de goberno,fixar a esixencia de dous sexenios para todos os membros da comisión (tanto presidente como resto de integrantes) no caso do concurso ás prazas de catedrático.
Outra das novidades que introduce a normativa que hoxe foi debatida e aprobada por asentimento, é a referida ao proceso de selección dos vocais que integran as comisións de selección. A proposta que o Consello de Departamento remite ao Consello de Goberno inclúe ademais dun presidente e un secretario, cos seus respectivos suplentes, tres vocais titulares e tres suplentes. Precisamente o procedemento para a eleccións dos tres vocais titulares, unha vez que foi sometido ao parecer do integrantes do Consello de Goberno, acordouse que se leve a cabo mediante un sorteo realizado pola Comisión de Organización Académica e Profesorado, COAP.
Pola súa banda o Consello de Goberno poderá eximir aos membros das comisións dos requisitos referidos tanto ao secretario como aos vocais, a tramos de investigación cando non sexa posible completar a comisión con membros que os cumpran. En relación coa composición, designación e probas deste concurso a normativa aprobada hoxe recolle que a composición das comisión de selección deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, procurando unha composición equilibrada entre mulleres y homes, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas.

Máis prestacións para os profesores prexubilados

O Consello de Goberno acordou que se lles permita manter a tarxeta universitaria, así como conta de correo electrónico da Universidade a todos os profesores que se prexubilen. A proposta que inicialmente tamén incluía ao PAS, pero que foi retirada no caso deste colectivo a petición do seus representantes, contempla a concesión destes dereitos cunha vixencia máxima ata o 31 de decembro do ano no que o profesor que se xubila cumpra 70 anos.
A ampliación de prazos para a presentación de másters de perfil investigador e de transformación do Curso de Aptitude Pedagóxica; a creación do cargo de subdirector da Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade, a aprobación dos estatutos do Coro de Ourense e a asignación de subvencións a fundacións e asociacións de interese para a Universidade de Vigo como Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento ou Fundación Universidade de Vigo, foron outros dos asuntos tratados na sesión ordinaria celebrada hoxe polo Consello de Goberno.

Presentación das propostas de grao

No primeiro Consello de Goberno do curso 2008-2009 o reitor informou da presentación na Universidade de Vigo dos plans de estudo dun total de 24 propostas de grao nun proceso que Alberto Gago afirmou que “ desenvolveuse sen incidencias”.
Os plans que agora se atopan en fase de presentación de enmendas, deberán recibir posteriormente o visto bo do Consello de Goberno e do Consello Social.