DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os venres deste mes de abril na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

O Módulo Europeo Jean Monnet invita á reflexión sobre o dereito da UE relativo a menores

As xornada afondarán nas normativas europeas referentes a menores en situación de desprotección e co

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/04/2010

A través da visión interdisciplinar de algúns dos máis relevantes expertos na materia, o Módulo Jean Monnet sobre Menores en situación de desprotección e conflito social na lexislación da Unión Europea convida á reflexión sobre esta temática coa infancia como protagonista. As xornadas, baixo o título Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa, reunirán ao longo do mes de abril, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, diferentes puntos de vista dunha mesma temática, a da lexislación europea no ámbito dos menores.
Segundo unha das organizadoras deste curso, a profesora Inma Valeije, “trátase de analizar a evolución lexislativa e penal dende o Tratado de Amsterdam en 1997 ata o de Lisboa en 2007 no que se refire aos menores”. Así analizaranse temas como os menores inmigrantes no dereito comunitario, a adopción internacional, o dereito de reagrupamento familiar e o dereito de asilo, a sustracción internacional de menores, a loita contra a trata de seres humanos, a loita contra o racismo en menores, a repatriación de menores non acompañados ou a prevención da delincuencia xuvenil.
No acto de inauguración, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, recalcou a implicación da Universidade en temas relacionados coa infancia e explicou que é “un eido de tanta relevancia” que nos últimos catro anos se puxo en marcha o Mestrado de Menores en situación de desprotección e conflito social, creouse a Cátedra da Infancia, con investigacións que van máis aló do dereito e chegan incluso ao eido dos efectos da publicidade nos nenos, e resaltou o importante paso dado ao formar parte do Observatorio Galego da Infancia, “e todo iso non tería sido posible sen esta Facultade de Ciencias Xurídicas”.

Unha aposta pola integración europea

Este módulo europeo encádrase dentro das actividades do Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet que lle foi concedido á Universidade de Vigo en 2006. O seu director, Luis Domínguez, incidiu en que “esta Universidade ten a fortuna e o merecemento” de ser unha das 15 españolas ás que lle foi concedido ese “certificado” de Centro de Excelencia para a docencia e investigación en temas de integración da UE. Domínguez recoñeceu a importancia da organización de iniciativas como este curso, da man das profesores Inma Valeije e Laura Carballo, “cunha aposta pola multidisciplinariedade, para que a Unión Europea non sexa un territorio alleo” e de súa vital importancia para manter este Centro de Excelencia.
Pola súa banda, o catedrático de Dereito Penal, Javier de Vicente Remesal, destacou a importancia deste módulo para “poñer en coñecemento da xente un tema que non lles é común”. Segundo apuntou, existe unha dobre perspectiva, “xa que as situacións de menores nestas situacións de conflito provocan pena e mágoa pero non teñen unha resposta normativa nin nacional nin internacional e niso é no que temos que traballar”.

A importancia de internacionalización e da interdisciplinariedade

No acto de inauguración deste módulo, o vicerreitor Iván Area incidiu en que este curso relaciona “dúas cuestión que preocupan á nosa Universidade, as cuestións sociais e a internacionalización, dúas apostas estratéxicas desta institución”. Boa mostra disto é o feito de “liderar o Sistema Universitario de Galicia na mobilidade de estudantes”, explicou, e ilustrouno con datos moi clarificadores: nos últimos cinco anos na Universidade de Vigo 5500 estudantes participaron en programas de intercambio, 3000 propios marcharon a completar os seus estudos aos estranxeiro e recibimos 2500 estranxeiros. Por outra banda, Area destacou a importancia da investigación e puntualizou que “non é casualidade que esteamos no posto 15 no ranking de investigación das universidades españolas”. O vicerreitor referiuse tamén á importancia da interrelación entre investigadores, “algo do que este curso é unha mostra”.

Programa multidisciplinar

Tralos relatorios das organizadoras Inma Valeije e Laura Carballo neste primeiro día do curso, o módulo europeo sobre Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa desenvolverase os venres do mes de abril cun programa que, segundo a profesora Valeije, reunirá a expertos en dereito, académicos, maxistrados, políticos para estudar e afondar na cooperación penal e xudicial no espazo europeo de xustiza, liberdade e seguridade. Entre os relatores, a organizadora destacou a presenza de Isabel Valldecabres, asesora parlamentaria do Ministerio de Igualdade e Javier de Lucas, presidente de Comisión Española de Axuda ao Refuxiado.
A primeira en intervir foi a profesora Valeije que fixo un percorrido polos cambios que se teñen dado na cooperación xurídico-penal. Segundo apuntou, "dende o Tratado de Amsterdam en 1997 produciuse un enorme cambio na forma de entender a cooperación en materia penal na UE" e apuntou varias razóns: por unha banda a profundización no espazo de integración europeo coa consolidación dun espazo político-xeográfico motivado pola progresiva desapación das fronteiras; por outra banda, a necesidade de loitar conta a delincuencia organizada de carácter transnacional e, finalmente, a constante preocupación pola defensa dos dereitos humanos. Estes son os puntos de partida para o novo marco legar da Unión Europea, un "espazo de seguridade, liberdade e xustiza" no que se enmarcan as normativas que afectan tamén aos menores en situación de desprotección ou conflito.