DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mofa e Befa e Quico Cadaval fixeron revolverse ao público con sarcasmo e ironía con “Shakespeare para ignorantes”

A obra vén de ser galardoada co premio María Casares ao mellor texto orixinal galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/04/2010

Non as escenas máis recoñecidas e destacadas da obra de Shakespeare, senón as máis descoñecidas para o público en xeral serven a Mofa e Befa para que a súe peza Shakespeare para ignorantes faga reflexionar sobre os problemas de cada un, na esfera publica e na privada. E conseguírono este xoves nun Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria ateigado para ver unha representación que se encadra dentro da programación cultural do segundo cuadrimestre. Para esta obra, Mofa e Befa volve colaborar con Quico Cadaval, co que xa traballaran en Sempre ao lonxe, desta volta para dirixir e, como novidade, tamén para na interpretación.

O lado máis sórdido da condición humana

A través de personaxes secundarios, afastados de Romeo e Xulieta ou de Hamlet, a peza, recentemente galardoada co premio María Casares ao mellor texto orixinal galego, emprega o humor cruel, o sarcasmo, a irreverencia e a ironía para que o público afonde en problemas actuais a través de asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, racistas, oportunistas, chulos ou torturadores. A acción desenvólvese coa irrupción do dúo nunha conferencia sobre o autor inglés que sirve para traer ao primeiro plano os personaxes secundarios das súas obras e, polo tanto, os máis esquecidos. Os seus actos deshonestos, as súas crueldades, a ansia de poder, a luxuria, as maldades e as súas vergonzas crean unha atmosfera de humor, pero dun humor cruel que pon de manifesto a ignorancia e a desidia dos espectadores actuais. Así, con Cadaval como profesor que repasa a obra de Shakespeare e con Evaristo Calvo e Víctor Mosquera como dúo cómico que da vida aos protagonistas das escenas ás que se refire o relator durante a súa conferencia, o público percorre unha senda de sátira e sarcasmo para pór en escena un variado mostrario de personaxes que representan o máis depravado da condición humana. Entre estes protagonistas secundarios e sinistros aparecen os sicarios de Ricardo III ou Antíoco el Grande de Pericles, príncipe de Tiro, ou o cornudo Póstumo, de Cimbelino. O espectador asiste a un xogo de provocación sobre o lado máis sórdido dos seres humanos pero a idea dos autores é que o aprendido neste representación pode ser de utilidade para que o público resolva os seus propios conflitos na vida real. A xulgar pola boa acollida de público nas representacións e pola resposta da crítica, semelle que o están a conseguir.

A vindeira semana: teatro de rúa e o Sonora10 Primavera

A programación cultural deste segundo cuadrimestre volve a vindeira semana con teatro de rúa o mércores con Miguelillo e o seu espectáculo Magial’dente a partir das 14.00 horas no Centro Comercial. Xa o xoves volve a música coa edición de primavera do Ciclo Sonora10, no que se darán cita os suecos The Legends con Alasdair Robert como teloneiro. A banda nórdica é dos expoñentes máis arriscados do panorama internacional con nove membros, militantes doutras das bandas máis importantes do pop do seu país, que se reúnen en The Legends para “experimentar e crear”, segundo explican eles mesmos.