DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alistair e Alison McCleery , embaixadores do patrimonio cultural inmaterial escocés:

"É moi importante que unha comunidade cunha forte identidade trate de salvagardar o seu propio patrimonio cultural"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 27/10/2009
Os profesores da Edinburgh Napier University, Alistair e Alison McCleery, visitaron hoxe o campus convidados pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais para expoñer o proxecto de recuperación do patrimonio cultural inmaterial que están a levar a cabo en Escocia, en colaboración cos museos e galerías deste país. A iniciativa, que conta cun investimento de 400.000 euros e ten unha duración de tres anos, discorre por un camiño similar ao do proxecto Ronsel, no que participan as tres universidades galegas baixo a coordinación da Universidade de Vigo. Ambas propostas teñen a finalidade de salvagardar as diversas prácticas culturais que conforman o patrimonio cultural inmaterial de cada rexión.
A parte técnica do proxecto dirixido polos McCleery céntrase na elaboración dun inventario nacional en forma de wiki, un sitio web no que se rexistran as diversas prácticas culturais de Escocia, co fin de aumentar o perfil do patrimonio cultural inmaterial da nación e promover o seu coñecemento. Trátase dunha ferramenta clave para protexer os diferentes aspectos que conforman a identidade escocesa. O seu contido baséase nos coñecementos e a experiencia das organizacións asociadas a través de Escocia, aínda que pode ser editado por múltiples voluntarios que colaboran na súa ampliación. “É unha iniciativa nacional na que todas as comunidades, grupos e individuos que viven en Escocia poden contribuír”, comentou o profesor McCleery, con quen conversamos tras finalizar o relatorio que impartiu no Edificio Miralles.

Nun mundo cada vez máis globalizado, teñen cabida as diversas expresións do patrimonio cultural inmaterial ou pasan desapercibidas?
Creo que todos os países e comunidades no mundo intentan preservar a súa identidade cultural. Pola súa parte, a globalización ten como consecuencia a influencia duns países en outros, o que dá lugar á existencia de prácticas compartidas en todo o mundo, aínda que logo cada cultura dálle un valor distinto.

En que situación se atopa o patrimonio cultural inmaterial escocés no que se refire ao seu estudo?
O proxecto que estamos a desenvolver ten unha duración de tres anos, e neste momento imos rematar o primeiro. Neste tempo dedicámonos a recompilar datos con axuda do wiki co fin de transmitilos á sociedade.

Que aspectos considera máis salientables do patrimonio inmaterial escocés?
Todo é importante, non hai ningunha práctica que destaque xa que en conxunto todas conforman o patrimonio cultural de Escocia.

Tendo en conta que Galiza e Escocia comparten raíces celtas, podería salientar algunhas similitudes entre o patrimonio inmaterial escocés e o galego?
A música folk é un exemplo de similitude e achegamento entre ambas culturas, aínda que tamén poderiamos citar a paisaxe se a tomamos como valor cultural e patrimonial, concretamente a do oeste de Escocia. Ademais, tanto Galicia como Escocia están a traballar para salvagardar a súa identidade cultural.

Que lle parece a labor realizada pola Universidade de Vigo co proxecto Ronsel?
É moi importante que unha comunidade cunha forte identidade trate de salvagardar o seu propio patrimonio cultural, polo que as actividades que leva a cabo o proxecto Ronsel son moi importantes para a comunidade galega.

A súa iniciativa ten unha boa acollida na sociedade, conta co mesmo apoio no ámbito político?
Todas as forzas políticas escocesas apoian este proxecto sen importar a ideoloxía á que son afíns posto que é unha iniciativa de cohesión, non de división. O único asunto pendente é a adhesión á convención do patrimonio cultural inmaterial da Unesco, na que Escocia está moi interesada, pero é o Reino Unido, país do que dependemos, o que ten que dar o primeiro paso.