DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala Alterarte afronta o ano cos retos de pechar o proxecto 'Estado Crítico' e de proxectarse cara

Moita arte para alterar creativamente 2012

A programación arrincará en febreiro cunha reflexión sobre o xénero da creadora Anna Katarina Martín

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/01/2012

En tempos de crise económica un dos primeiros sectores que ve minguadas as súas ás é a cultura. Salvando na medida do posible esa dinámica, a Sala Alterarte do campus de Ourense afronta o ano 2012 con unha sólida programación artística e de vangarda na que o proxecto expositivo Estado Crítico: 10 comisarios 10 artistas culminará coa celebración de catro mostras nas que deixará patente o frutífero dos binomios crítico de arte-creador. Pero o novo gran reto para este espazo universitario será proxectarse alén dos seus muros e amosar os seus fondos artísticos en outros ámbitos xeográficos.

“Coas mostras 2012 de Alterarte concluirá o percorrido que durante algo máis de dous anos tivo Estado Crítico, proxecto co que pretendemos crear unha nova fórmula de traballo, dar unha reviravolta que redefinira unha vez máis a sala”, explica Xosé Manuel Buxán, director de Alterarte. A finais de xaneiro comezará esta última xeira cunha mostra de Anna Katarina Martín comisariada por Anxela Caramés, á que lle seguirá en abril unha exposición do escultor galego Lito Portela e do crítico Carlos L. Bernárdez. En xuño, as paredes de Alterarte acollerán a obra do artista Eduardo Valiña comisariada por José Paz e o ciclo rematará coa crítica Natalia Poncela, que traerá ao campus a mediados de setembro un proxecto do creador Rubén Santiago.

Reinvención

Xosé Manuel Buxán salienta que “chegados ao ecuador de Estado Crítico síntome particularmente feliz de este proxecto que argallamos, porque foi un xeito moi eficaz de dar cabida a novas ideas e xeitos de traballo, un novo status quo de imaxinar e reinventar Alterarte como un organismo moi vivo e moi ilusionante, que está en permanente muda non só de nomes de artistas senón tamén (e iso xa non é tan común) de persoas responsables dos proxectos”. Para lograr este éxito, o director do espazo artístico destaca o papel de Filemón Rivas, técnico de Actividades Culturais do campus “que está detrás desde o prinicipio mesmo da sala”.

Cando rematen a finais de 2012 as exposicións, os seus responsables agardan que o proxecto Estado Crítico se materialice e visualice nun catálogo conxunto, seguindo a estela das publicación de Alterarte, que recollen o traballo realizado baixo a dirección de Ignacio García Gómez del Valle e do propio Xosé Manuel Buxán, que foi director do centro expositivo en diferentes períodos.

Extramuros

Ademais de esta actividade no propio campus universitario, o segundo gran reto da sala é levar os seus fondos fóra dos seus muros e de Ourense. Tal e como explica o seu director, “a finais de 2011 iniciamos unha nova aventura que case poderiamos chamarlle Alterarte Extramuros e cuxo obxectivo é saír do campus, saír de Ourense e levar os fondos artísticos da sala a outros ámbitos”. A primeira escala desta viaxe foi a Sala X do campus de Pontevedra e a pretensión agora é que a colección viaxe a Madrid e a Portugal. “Unha nova aventura “extramuros” na que traballaremos nos vindeiros meses”, apunta Xosé Manuel Buxán.

Mentres ese momento chega, o público universitario ou externo pode achegarse a Alterarte, que ten abertas todos os días as súas portas no Pavillón 1 do campus de Ourense.