DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus abre a matrícula en dez obradoiros abertos a toda a cidadanía

Moita música, danza e deporte para encher as tardes de outono

A oferta inclúe actividades xa clásicas no campus con moitas novidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 27/09/2011

As posibilidades son variadas para todos e todas os que queiran ocupar o tempo de lecer divertíndose e formándose á vez. A Vicerreitoría do campus de Pontevedra ofrece para este novo cuadrimestre un total de dez obradoiros dirixidos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral. Unha ampla oferta multidisciplinar “que mestura talleres clásicos que veñen funcionando dende hai anos e moitas novidades relacionadas sobre todo co audiovisual, deporte, música e danza”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus.

Principais novidades

Aínda que a oferta está aberta a toda a poboación, o certo é que se deseñou en función das titulacións impartidas no campus de Pontevedra, “reforzando e completando os plans de estudos das mesmas”. Así, un dos seminarios novos para este cuadrimestre está pensado especialmente para o alumando de Ciencias da Educación. Trátase do Taller de música, movemento e confección de instrumentos musicais para a educación infantil e primaria, que “tentará achegar técnicas para que os futuros mestres logren o desenvolvemento do neno a través da música”, aclara Fernández Souto. A expresión corporal tamén será outra nova alternativa a escoller co seminario Danza e discapacidade, “para experimentar os beneficios que o binomio movemento-música pode achegar en momentos de bloqueo físico e emocional”.

Outra novidade, “pensada para os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”, é o obradoiro A propiedade intelectual no ámbito audiovisual: aspectos mercantís, fiscais e laborais, que nace da necesidade “de concienciar ao alumnado de que no proceso audiovisual é tan importante a creación de contidos como a xestión e protección dos dereitos de autor”, puntualiza Souto. Do mesmo xeito, nunha cidade tan comprometida coa práctica deportiva “non podía faltar para este ano un curso especializado na formación de voluntariado para eventos deportivos”, de interese tanto para os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas como para os de Ciencia da Actividade Física e do Deporte.

Os clásicos funcionan

O resto dos seminarios supón unha continuación de anos anteriores, “debido á gran acollida que teñen polo seu estilo diferente e especializado”. Así, a oferta complétase co curso nivel 1 de djembé, o de Prevención de riscos laborais, Arteterapia, para estimular a creatividade dende as técnicas artísticas e os obradoiros relacionados cos medios audiovisuais: Gravación e posprodución I, Efectos especiais para cine e televisión e Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes, “todos uns clásicos do campus pontevedrés”.

Prazos e prezos

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 7 de outubro e o prezo de cada obradoiro roldará entre os 40 e os 50 euros para o público en xeral, cun desconto do 50% para os bolseiros da Universidade e do 25% para o resto da comunidade universitaria. Para máis información, pódese visitar a páxina web da vicerreitoría ou ben mandando un correo electrónico a campuspontevedra@uvigo.es