DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lorenzo Pastrana, director da nova Área de Programas de Transferencia:

“Moitas oportunidades de investigación non se aproveitan simplemente porque non hai coñecemento de que existen”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/05/2009

O profesor do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, Lorenzo Pastrana, foi nomeado no último Consello de Goberno, director da Área de Programas de Transferencia, creada recentemente en substitución da de Políticas de I+D, cuxas tarefas pasaron a ser asumidas directamente pola vicerreitora.
Referente no ámbito da Biotecnoloxía Alimentaria e Ambiental, Pastrana foi durante varios anos vicedecano da Facultade de Ciencias de Ourense, dende onde pasou a ocupar a dirección do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, cargo que mantivo ata a actualidade. Cales serán os seus eixes de actuación como director da área?
A miña misión céntrase en promover a transferencia do coñecemento dende a Universidade á sociedade, nomeadamente ás empresas, aínda que non exclusivamente; facer visible esta transferencia, é dicir, difundir os resultados da investigación e, por último, pór en valor todo o que xa se estaba a facer.

Que pasos se van a seguir para pór en marcha todas estas medidas?
A nosa intención é traballar en dúas frontes: cara fóra e cara dentro da Universidade. No primeiro caso, cara fóra, traballaremos directamente cos centros tecnolóxicos, intermediarios desa transferencia; tamén coas plataformas tecnolóxicas e, por suposto, con empresas e asociacións de empresas.
Cara dentro, centrarémonos sobre todo en conectar os grupos de investigación coas políticas que se veñen a facer desde distintos departamentos da equipa de goberno neste sentido. Non todo se centra en Investigación, senón que tamén hai outras vicerreitorías implicadas. Trátase de coordinar todas as políticas e accións que, dende diferentes departamentos, se están a levar a cabo.

Cales son os obxectivos a curto prazo?
Teño un obxectivo de base que é deixar preparadas metodoloxías de traballo para que as poida continuar a persoa que veña detrás. Isto é algo que leva tempo, pero si se deixan ben estruturadas e preparadas, despois só se trata de continuar.
De forma máis inmediata, o importante é estar atento a todas as oportunidades de proxectos colaborativos e de transferencia que poidan xurdir, dinamizándoos. Serei un pouco “pepito grillo”, animando á xente a participar en todos os proxectos nos que poidan achegar algo.

Que accións vai pór en marcha para conseguilo?
O primeiro vai ser informar. Despois dunha primeira análise da situación decatámonos de que moitas oportunidades non se aproveitan, simplemente porque non hai coñecemento de que existen.
O seguinte paso vai ser o coaching ou titorización, é dicir, axudar aos investigadores, titorizalos, levalos da man para que poidan aliñar a súa investigación coas demandas do mercado.
En terceiro lugar, penso en buscar fiestras de oportunidades. Estar atento para ver onde hai posibilidades e, aí, concentrar os esforzos. Imaxinemos, por exemplo, que están no ámbito da creación literaria, teremos entón que buscar grupos e enfocar os esforzos para que os investigadores que teñan algo que dicir participen.

Polo que sinala, poderíase dicir que se trata de aplicar toda a experiencia coa que vostede conta no ámbito agroalimentario, ao conxunto da investigación que se está a levar a cabo na Universidade?
Efectivamente, o meu paso polo CITI supuxo non só ser o encargado de construír un edificio, senón de dotalo de contidos e organizar a actividade que había que desenvolver nel. Isto permitiume ver as cousas doutra maneira. Desde o principio estaba convencida de que o CITI non podía ser un simple contedor de grupos, ubicado no Parque Tecnolóxico, senón que tiña que ter entidade por si mesma e estar dotado dunha superestrutura que lle permitira relacionarse co entorno.

Como foi ese proceso?
O primeiro que fixemos foi relacionar o CITI co resto de centros tecnolóxicos que existían no parque. Chegamos a acordos co Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria, o que nos permitiu que este centro cedese unha planta enteira para localizar alí os laboratorios do CACTI de Ourense. Foi o primeiro paso para conformar un polo de competencia agroalimentaria máis ampla, e o mesmo estamos a facer co CIS Madeira e con Meteoroloxía.
En resumo, conectamos o CITI co resto de centros tecnolóxicos e involucrámolo en todas aquelas accións que lle deran proxección. Conseguimos implicar a todos os investigadores na Plataforma Tecnolóxica Agroalimentaria, eu mesmo son o vicepresidente.
Todo isto configura unha relación entre as empresas, as plataformas e os centros de investigación que me permitiron ter un certo coñecemento de como funcionan os procesos de transferencia.

Como afronta agora este novo reto?
Persoalmente é unha tarefa que me infunde moito respecto, pois ten unha envergadura importante. En Ourense era un ámbito moi restrinxido e un sector que eu coñecía en profundidade, pero agora trátase de facer isto a escala universitaria. Efectivamente, trátase dun reto que afronto con moitas gañas e ilusión e penso que algo positivo podo achegar a todo este proceso, pero chego tamén con humildade, pois non estamos exentos de equivocarnos.