DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da decimo sexta promoción de Filoloxía Galega

Moito, moito amor pola lingua

O padriño Anxo Angueira exhortou aos novos titulados a continuar formándose

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/06/2012
Chegaron á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no curso 2007-2012 para cursar a Licenciatura de Filoloxía Galega e transcorridos cinco anos, hoxe recolleron as bandas e os diplomas que os acreditan como graduados. “O primeiro que nos aprenderon nada máis chegar á Universidade foi a etimoloxía da palabra ‘filoloxía’: amor pola lingua”, explicou Adriam Vasquez en nome dos sete licenciados da decimo sexta promoción que este venres protagonizaron o acto de graduación. No salón de actos da facultade e acompañados por familiares e amigos, os novos filólogos e filólogas no agocharon o orgullo que lles producía acadar o título que procuraban para cos coñecementos acadados, segundo sinalou o seu voceiro, “renovar todo o panorama socio-lingüístico galego, tendo claro que a pesar de sermos filólogos ou lingüistas, lingua e política son dúas caras da mesma moeda”.

No acto no que o secretario do departamento de Filoloxía Galega e Latina, Manuel Santiago Fernández, representou á directora, Camiño Noia, que non puido asistir ao atoparse doente, a decana da facultade, Rosa Pérez, lembrou que a que hoxe se graduaba era unha das últimas promocións de licenciados que quedaba por recibir os seus títulos na Universidade de Vigo e realizou unha defensa pechada das titulacións de humanidades, asegurando que “é propio dos países civilizados respectar os estudos sen aplicación inmediata”.

O padriño da promoción, o profesor Anxo Angueira, exhortou aos novos titulados a continuar aprendendo e formándose, porque considera que “nin o coñecemento, nin a cultura acaban na universidade. A vida, no seu devalar,é unha constante escola de aprendizaxe e formación.” Angueira non obviou a situación de crise económica actual para asegurar que nun intre no que o acceso á vida laboral resulta especialmente complicado “a formación e a cultura fannos máis fortes e resistentes”. Honrado por ser escolleito como padriño da promoción que se graduou este venres, o escritor recomendoulles “como filólogos galegos” non abandonar nunca os libros, a literatura e o estudo da lingua propia de Galicia “o ben máis extraordinario que lle demos á humanidade”.

Momento de reivindicacións

Nunha xornada de celebración e parabéns o espírito crítico non estivo ausente nas reflexións do voceiro dos graduados. Adriam Vasques que agradeceu o labor en prol da lingua galega realizado polo profesorado ao longo dos anos, non obviou por unha parte críticas “ao proceso de privatización, mercantilización e elitización da universidade, encadrado no contexto de crise actual”. Tras apelar a atopar novas metodoloxías que garantan a normalización da lingua galega, Vasques manifestou o seu desacordo coa dependencia desta do castelán. “Constatamos que desde a introdución do galego no ensino, o modelo dos últimos trinta anos fracasou”, sentenciou o voceiro do alumnado que pediu “menos acomodamento e submusión e moito,moito amor á lingua”.