DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade uniuse este luns á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Moito que dicir contra a falsa sensación de igualdade

Coa voz de Mercedes Peón, o campus de Vigo reivindicou un novo imaxinario feminino fronte o papel de

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín/M. Del Río DUVI 25/11/2013
Ourense e Vigo
Elas son as parellas, as amigas, as fillas, as nais, as avoas, as tías, as irmás, as veciñas, as compañeiras de traballo... Elas, con nomes e apelidos, son as que nalgún momento da súa vida padeceron ou padecerán cunha violencia máis ou menos sutil as consecuencias de estar nunha sociedade, mantida entre todos e todas, na que a discriminación de xénero segue sendo unha realidade. Para loitar contra esta situación, contra a falsa sensación de igualdade existente e contra a violencia de todo tipo contra as mulleres, este 25 de novembro celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Universidade de Vigo uniuse a esta conmemoración acollendo diversas actividades entre as que destacaron no campus de Ourense a celebración dun faladoiro e a inauguración dun Camiño da Igualdade que lembra a figura de 15 destacadas mulleres. Un flashmob con Mercedes Peón puxo tamén voz no campus de Vigo a esta data reivindicando unha muller forte e "con dereito á lexítima resposta".

Visibilizando a desigualdade e ás mulleres

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o campus de Ourense leva celebrando un amplo programa de actividades durante todo o cuadrimestre que culminaron este luns coa conmemoración do 25 de novembro. A xornadas comezou cun faladoiro no que estudantes, docentes, investigadores, persoal de administración e servizos, escolares, xornalistas, autoridades e cidadáns en xeral se achegaron á sala Emilia Pardo Bazán para participar de nove horas ininterrompidas de lectura a prol da igualdade e contra da violencia de xénero. María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, foi a encargada de inauguralo lembrando que hai 14 anos a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a resolución pola que se celebra cada 25 de novembro o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Escolleuse internacionalmente este día, salientou, en homenaxe ás irmás Mirabal, asasinadas en 1960 pola súa oposición á ditadura de Trujillo na República Dominicana.

Para arrancar a lectura, María Lameiras escolleu un texto no que se denuncia como “temos mudado dun machismo hostil a un máis benevolente e máis politicamente correcto, unha trampa contra a que é máis difícil loitar porque é moito menos explícita”. Para entender este “machismo benevolente”, a docente puxo como exemplo o feito de que se asume que as mulleres son mellores para determinado traballo pola súa "natureza". “Baixo a trampa de que se están valorizando un aspecto do xénero feminino, realmente o que se está facendo é discriminar á muller”, advertiu Lameiras. Coa súa intervención, comezou un faladoiro no que cidadáns de todas as idades e condicións profesionais se foron sucedendo ante o micrófono para ler todo tipo de textos, desde artigos xornalísticos nos que se poñía en cifras a violencia machista ata clásicos da literatura escritos por mulleres. Nestas lecturas, coordinadas pola docente Yolanda Rodríguez, tamén houbo tempo, como fixo o docente José María Faílde, para que os propios homes puxeran voz á necesidade de rachar cos estereotipos culturais patriarcais que se lle intentan inculcar aos homes desde moi pequenos.

Ademais deste faladoiro, o campus de Ourense acolle este luns a inauguración do Camiño da Igualdade. No paseo que une o Pavillón Concepción Ramón Amat e a Unidade Administrativa desde agora están situadas placas que renden tributo a 15 mulleres que destacaron ao longo da historia en diferentes eidos. Trátase da activista Olympe de Gouges; da pensadora Mary Wollstonecraft; da xurista defensora do sufraxio Clara Campoamor; da filósofa Hannah Arendt; da activista da planificación familiar Margaret Sanger; da pioneira do Traballo Social Jane Addams; da filósofa Simone de Beauvoir; da escritora Virginia Wolf; da biofísica Rosalind Franklin; da pedagoga María de Maeztu; da economista Elinor Ostrom; da escultora Camile Claudel; da sufraxista Emmeline Pankurst; da xornalista e escritora Carmen de Burgos, e da viaxeira e escritora Egeria. Con esta actividade complétase a política deste campus de visibilizar o papel das mulleres poñendo o nome de destacadas figuras galegas a salas e edificios universitarios.

Vigo reivindica o dereito á resposta

Con Mercedes Peón poñendo voz e música, a comunidade universitaria do campus de Vigo deixou claro o seu rexeitamento á violencia de xénero a través dunha flash-mob á hora do xantar no centro comercial de Cidade Universitaria. Coordinada polo colectivo Lésbicas Creando e a Unidade de Igualdade, esta iniciativa tsúmase ás celebradas no campus de Ourense e en todas as cidades de Galicia contra unha violencia que é unha "realidade social, non individual", como puntualiza a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín. Destaca que existe unha "responsabilidade e capacidade colectiva de incidir nesa realidade e a comunidade universitaria da Universidade de Vigo quere facer a súa achega porque tamén é asunto dela”. Mai Ínsua, de Lésbicas Creando explica que para esta ocasión trataron de buscar un recuncho polo que coar unha mensaxe un pouco diferente á que se adoita transmitir, a da muller vítima, feble, soa e indefensa que precisa recorrer a terceiras persoas ou a institucións par pór fin á situación de violencia. “Nós reivindicamos o dereito á lexítima defensa contra todo tipo de violencia, contra a física e contra a psicolóxica, o dereito a dicir no, a poñer límites, a pedir o que desexas e a crear alianzas”, explica Ínsua, tratando de xerar un novo imaxinario que se contrapoña e esa “imaxe de muller-vítima que non é máis que unha confirmación da propia violencia”.

Durante algo máis de dous minutos preto de vinte mulleres e nenas tomaron o Centro Comercial ao son de cadanseu xogo de chaves ante a atenta mirada dos que alí estaban xantando. A coreografía reivindica a forza feminina e o dereito a crear unha rede de defensa, empregando movementos que lembraban técnicas de defensa persoal e transmitían unha imaxe de determinación e de contundencia. Para pór toda esta coreografía en marcha, Lésbicas Creando comezou a traballar hai preto de dous meses coa Unidade de Igualdade da Universidade e con D-OUTRAS, a Aula de danza universitaria de Ourense e co espazo de Alfaia, Escola de Música e Danza de Compostela. A finalidade, buscar esa mensaxe diverxente sobre a violencia de xénero.