DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse no Carballiño o II Forum de REDINTUR

Moito talento e investigación para potenciar o turismo desde as aulas

A cita reuniu a arredor de 150 estudantes de posgrao

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/11/2012

Cunha economía en crise e tratándose dun sector que precisa reinventarse continuamente para ter éxito, o turismo é un dos eidos nos que a investigación e a innovación están chamados a xogar un papel cada vez máis importante. Unha das fontes de ideas para labrar ese futuro son as universidades e así quedou patente este martes na celebración do II Forum da Rede Interuniversitaria de Posgraos en Turismo REDINTUR. Arredor de 150 estudantes de mestrado procedentes de diferentes puntos da xeografía estatal déronse cita no Carballiño para amosar todo o potencial do seu talento e da investigación que realizan nas universidades españolas.

Proxectar o traballo académico

Jesús Vázquez, conselleiro en funcións de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Antonio Guevara, presidente de REDINTUR; José Antonio Fraiz, coordinador desta edición do Forum, e Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes, procedentes das diferentes universidades que en España imparten mestrados en Turismo e entre os que había unha destacada presenza de estranxeiros debido á paulatina internacionalización do estudos de posgrao.

A celebración deste foro, salientou Jesús Vázquez, é moi interesante “porque nel converxen estudantes, empresas e sociedade” cun criterio de excelencia e calidade fundamental para que a universidade, apuntou, sexa parte activa do cambio necesario para saír da crise. “Todo o voso talento converte a este Forum nun espazo único para a visibilización e a proxección do traballo que se realiza nas universidades e que pode contribuír enormemente a valorizar toda a riqueza turística do país”, engadiu María Lameiras. Como un auténtico “escaparate de talentos”, José Antonio Fraiz destacou a relevancia deste encontro para fomentar o coñecemento académico, científico e investigador nun sector en permanente actualización como é o do turismo. Por esta trascendencia, o alcalde do Carballiño quixo agradecer a elección deste concello para acoller esta cita e o XVII Congreso Internacional da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo que se desenvolverá desde este mércores e ata o venres na localidade ourensá.

Un exemplo, as axencias de viaxe e as redes sociais

O obxectivo do II Forum REDINTUR, subliñou Antonio Guevara, “é ser un encontro entre alumnado, docentes e administracións para pór en valor os traballos de fin de mestrado que se realizan nas universidades que forman parte da nosa rede”. Precisamente entre os oito mellores traballos escollidos por REDINTUR para a súa presentación durante a celebración do foro estivo o realizado por Laura Rodríguez, estudante da Universidade de Vigo, sobre as axencias de viaxe de Ourense ante a influencia das redes sociais, investigación pola que obtivo unha das tres distincións extraordinarias entregadas este martes durante a celebración do foro.

Tras realizar unha enquisa a 21 axencias da cidade, a investigadora detectou que só o 40% delas empregan as redes sociais, como Facebook ou Twitter, para a información e a comunicación co público ou para a realización de promocións. “As novas formas de comunicación son unha ferramenta moi potente que teñen á súa disposición pero de momento o seu uso entre as axencias é moi limitado. Teñen moito camiño por andar se queren ter éxito”, explicou Rodriguez Cid.

As axencias, advertiu, están quedando nun segundo plano debido, por exemplo, ao auxe de páxinas como Booking.com, que facilitan aos usuarios a contratación directa de servizos turísticos a un prezo moi competitivo, e que os propios hoteis permiten nas súas páxinas web realizar unha reserva. “Sobre todo en tempos de crise coma o actual, as axencias teñen que marcar a diferenza con este tipo de servizos e un dos xeitos de facelo é ofrecendo moita eficiencia, bo trato, rapidez e calidade, aspectos nos que as redes sociais lles poden ser de moita axuda”, subliñou Rodríguez. O feito de que boa parte destas axencias pertenzan a grandes grupos estatais, apuntou, é un dos factores que limita o uso das redes sociais.