DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Autor do libro "Autismo, Asperger. Programa de integración gestáltico"

M.Ojea, catedrático de Orientación Educativa: “A aprendizaxe ten que adaptarse ao procesamento da información dos autistas”

Etiquetas
  • Ourense
Raquel Feijóo DUVI 28/10/2009
O autismo e o síndrome de Asperger son dúas doenzas que forman parte dos Trastornos do Espectro Autista (TEA), tamén chamados Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento (TXD) que afectan a unha de cada cinco mil persoas. Manuel Ojea, catedrático de Orientación Educativa e profesor asociado da Universidade de Vigo, ven de publicar un libro sobre estas doenzas que leva por título Autismo, Asperger. Programa de integración gestáltico co obxectivo de mellorar o campo de actuación educativa no ámbito destes trastornos.
A publicación contén un programa de integración gestáltico, pioneiro a nivel internacional, con 173 actividades distribuidas en oito módulos. A finalidade, segundo explica Manuel Ojea, “é mellorar os aspectos fundamentais que determinan a diagnose do autismo, en referencia á forma que as persoas con autismo teñen para percibir, codificar, relacionar e recuperar a información existente e procedente da vida cotián”.

Levar á práctica diferentes teorías admitidas científicamente

O programa de integración gestáltico consiste, en definitiva, “en levar á práctica diferentes teorías admitidas científicamente sobre a forma de percibir, analizar e codificar os estímulos existentes no medio e, en consecuencia, responder ás necesidades”. Manuel Ojea puntualiza, así mesmo, que este proceso “hai que facelo partindo das potencialidades e capacidades dos suxeitos con autismo, que consisten na percepción parcial ou das partes, para ir avanzando progresivamente cara a consecución da gestalt ou todo”. Deste xeito, os oito módulos nos que se distribúen as actividades do programa son unha constante para avanzar cara a integración gestáltica, fomentando as capacidades que a fan posible, como son o seguimento da mirada, a habituación ou deshabituación de estímulos e a simbolización, entre outras.
Unha diagnose temperá destes trastornos é fundamental, e o traballo de Manuel Ojea contribúe a mellorar os índices que configuran o trastorno, “porque, ao mellorar o proceso de construcción de significados a partir da aprendizaxe parcial, podemos escalonar progresivamente novas adquisicións ou aprendizaxes básicas, incidindo na mellora dos criterios que comportan o trastorno”, afirma.
O programa de integración gestáltico aplicouse a trinta suxeitos con autismo e síndrome de Asperger durante un curso escolar. As conclusións do traballo son claras. Nas palabras de Manuel Ojea, “a aprendizaxe ten que adaptarse ás formas de procesamento da información dos estudantes con TEA, que reciben as aprendizaxes de xeito diferente ás demáis persoas”. En consecuencia, a aplicación de programas, así como o desenvolvemento do currículo, “ten que considerar estas conclusións e elaborar programas baseados en aprendizaxes parciais para ir avanzando ata a globalidade en secuencias debidamente escalonadas e andamiadas”, declara o autor.