DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Sala X ata o 26 de xuño

O molde toma protagonismo como obra de arte na mostra “Retirado x revisión”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 22/05/2009

Obsesionámonos coa meta e non nos decatamos de que o importante é o camiño, os pasos que damos ata chegar a ela. Trasladado ao campo da escultura ese valor do paso é o que ten o molde, como unha etapa necesaria e imprescindible pero moitas veces menosprezada. A exposición “Retirado x revisión”, que permanecerá na Sala X da Facultade de Belas Artes ata o 26 de xuño, voltea este concepto e, por unha vez, dálle o protagonismo ao concepto de molde.
A mostra está enmarcada na materia Dispositivos de reprodución tridimensional II e o curso 2009/2010 será o último en que se imparta xa que “no plan da licenciatura é optativa e queda absorbida no grao”, explica o profesor Juan Loeck. Esta iniciativa pretende poñerlle un broche final de ouro e por iso recolle os traballos dos alumnos arredor deste concepto. Se normalmente este se considera como parte do proceso, nesta materia o grupo reflexionou como ás veces ocorre “que ao final toma moita máis importancia o molde e pasa a ser obra de arte en si mesma”. César Barbolla, Alejandro Castro, Iván Ferreiro, Minia Martínez, Silvia Moure, Tania Pérez, Estefanía Rodríguez, Beatriz Rodríguez, Beatriz Suárez, Cristina Ulloa, Aurora Vázquez e María Vilas son alumnos que, canda Lucía Romaní e Samuel Castro, que impartiron as clases durante o ano canda Loeck, participan desta mostra.

Analoxía cos corpos entregados á ciencia

Facendo unha analoxía cos corpos entregados á ciencia para a súa investigación ou estudo nas facultades de medicina, o propio Loeck participa na exposición cunha escultura que realizou hai 10 anos e que será doada ao centro “para a ensinanza, a investigación e as prácticas artísticas”. Incluso é posible que o curso que vén a empreguen os últimos alumnos da materia. “En tres ou catro anos rematará no colector”, apunta.
A obra doada é un bailerado do seu propio corpo feito por partes que o artista tardou tres meses en construír e exhibiuse en Arco en 1998. Loeck considera que “non é igual un artista que dá clase que outro que non o fai, porque a docencia e a práctica artística crean situacións biunívocas”. Precisamente por iso se lle ocorreu a idea desta doazón que, en canto os estudantes empreguen en futuras intervencións, abrirá á posibilidade de traballar sobre “o concepto de índice, de pegada”.
A exposición tamén conta cunha curiosa serie de ananos de xardín de escaiola, que forman parte dun proxecto “de comparación, tuneado e costumizado que os alumnos empregaron para traballar sobre o concepto de copia e reprodución”, e cunha peza de work in progress “moi común na arte contemporánea”, que se irá modificando durante o período que a exposición se manteña aberta ao público.