DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décima promoción de graduados universitarios sénior celebra este xoves o fin dos seus estudos

O momento de despedir ao alumnado máis veterano do campus

13 persoas maiores de 55 anos completan este ano o Ciclo Intensivo do Programa para Maiores en Ponte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 25/06/2014

Un interese constante por aprender e moitas gañas de traballar. Ese é o denominador común das 13 persoas que este xoves porán peche, co seu acto de graduación, a tres anos de formación e vivencias no campus de Pontevedra. Trátase da décima promoción de graduados universitarios sénior do Programa para Maiores das Aulas de Formación Aberta da Universidade, que despois de tres cursos formándose en materias como filosofía, informática, xeografía ou historia, mañá xoves celebrará a finalización do Ciclo Intensivo deste programa na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“O único requisito que existe para acceder ao Programa para Maiores é ter 55 anos ou máis e gañas de aprender, e isto último sobrálle a este grupo”, salienta o profesor José María Gil, director en Pontevedra dun programa dirixido tanto a aqueles que no seu día non puideron acceder aos estudos universitarios como a persoas xa tituladas con ilusión por retornar ás aulas. Ao longo de tres cursos, este grupo de 13 homes e mulleres tivo que superar un total de 54 créditos, que abranguían tanto clases de dereito ou historia, como obradoiros de fotografía ou gravado. O obxectivo desta iniciativa educativa, “para a que non se necesitan coñecementos previos”, como explica Gil Villanueva, era proporcionarlles unha formación interdisciplinar que contribuíse ao seu desenvolvemento persoal e social, e o certo é que aproveitaron este tempo ao máximo. “Sempre estaban moi motivados e interesados e non escatimaban en esforzos”, recoñece o director do Programa para Maiores en Pontevedra.

Diplomas para pechar unha etapa

Aínda que algúns xa amosaron o seu interese por retornar o vindeiro curso ao campus para iniciar o Ciclo de Especialización do Programa para Maiores, para boa parte deste grupo este xoves chegará o momento de pór fin a unha etapa. Por ese motivo, Gil Villanueva quere trasladarlles os seus parabéns e convidar a un grupo que integran tanto persoas que aínda non chegaron aos 60 anos como outras que xa pasan dos 80 “a que nunca abandonen os estudos, a que se sigan formando ao longo de toda a súa vida”.

Así o fará este xoves no acto de graduación programado para as sete da tarde e no que se lles fará entrega do diploma que os acredita como graduados universitarios sénior, un título propio da Universidade de Vigo. Un acto no que tamén contarán coas palabras de recoñecemento do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e do profesor José Carlos Carballido, ao que lle corresponderá impartir a lección de clausura do curso en calidade de padriño da promoción.