DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle do 20 ao 22 de outubro unhas xornadas sobre violencia de x

O momento de formar en igualdade aos educadores e educadoras do mañá é agora

Estas xornadas con matrícula gratuíta están principalmente dirixidas ao alumnado do ámbito educativo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 03/10/2014

Un estudo sobre a percepción que ten o profesorado en activo da súa formación en materia de igualdade, desenvolvido polo grupo de investigación PS-1, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, permitiu coñecer que moitos docentes consideran insuficientes os seus coñecementos neste eido. Por iso, coa idea de proporcionar unha sólida formación aos que o día de mañá se responsabilizarán da educación das novas xeracións, este grupo de investigación decidiu poñer en marcha, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, unhas xornadas que buscan promover entre o alumnado da facultade unha reflexión sobre ámbitos como a imaxe pública da muller ou os métodos para previr e dar resposta á violencia machista.

Dirixidas principalmente “aos futuros profesionais da educación e do ámbito sanitario, aínda que abertas a toda a cidadanía interesada”, as Xornadas sobre Igualdade e Violencia de Xénero, desenvolveranse entre o 20 e 22 de outubro en Ciencias da Educación e do Deporte, segundo sinala a profesora María José Vázquez, coordinadora desta actividade xunto co psicólogo forense Manuel Vilariño. Con matrícula gratuíta, esta iniciativa ten como obxectivo dotar ao alumnado da formación e as competencias necesarias para que, o día de mañá, poidan cumprir como docentes co establecido na Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, que recolle “que os centros educativos teñen que facer propostas que sirvan para previr a violencia”. De aí que Vázquez Figueiredo subliñe que, “se ben é certo que as campañas de sensibilización e os programas que favorecen a equidade de xénero supuxeron un forte impulso de cara a lograr unha sociedade máis xusta, que defenda os dereitos tanto dos homes como das mulleres, consideramos que estas son actitudes que deben ser traballadas xa desde a escola”. Neste punto, a coordinadora destas xornadas fai énfase “no interese do alumnado por recibir máis formación” respecto dunha problemática “sobre a que xa están sensibilizados”, e por ese motivo incide de novo no resultado das enquisas realizadas a profesorado de Educación Infantil polo grupo PS-1, dado que este recoñecía “non contar coa formación e experiencia necesaria para previr a violencia”, algo que, resalta, “só se pode lograr cuns sólidos coñecementos neste campo”.

Unha problemática abordada desde diferentes enfoques

Explica Vázquez Figueiredo que o programa destas xornadas formativas trata de achegar ao alumnado a esta problemática a través “de diferentes enfoques”. Por iso, este seminario arrincará o luns 20 cunha serie de relatorios centrados na imaxe pública da muller, en afondar “na proxección que ten a muller nas distintas fontes de información ás que temos acceso os cidadáns”, coa idea de coñecer a incidencia que tiveron “as diferentes campañas de sensibilización, coas que avanzouse moito á hora de que o traballo das mulleres fose visible e posto en valor”. Neste ámbito, a coordinadora desta iniciativa destaca a conferencia que nesta primeira xornada impartirá a profesora Marian Fernández, “unha especialista en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que achegará “unha perspectiva moi necesaria para visibilizar o deporte feminino”.

A segunda xornada, a do martes 21, estará dirixida a afondar na violencia de xénero desde a “perspectiva das vítimas, tanto directas como indirectas”, nunha sesión na que contarán coa participación de “expertos recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional”, como é o caso do profesor da Universidade de Oviedo Javier Rodríguez, “que leva anos traballando sobre violencia de xénero en adolescentes, máis concretamente durante o noivado”.

A catedrática de Psicoloxía Francisca Expósito, “que dirixe un programa sobre maltratadores na Universidade de Granada”, e a arxentina Hilda Marchiori, profesora da Universidade Nacional de Córdoba é fundadora do primeiro centro de atención á vítimas de América Latina, conforman, xunto coa propia coordinadora, a relación de conferenciantes coas que se clausurará este ciclo o mércores 22, xornada dedicada á buscar respostas á violencia de xénero desde a perspectiva da xustiza terapéutica. Este concepto, explica Vázquez Figueiredo, fai referencia a unha “orientación dentro do ámbito da xustiza”, coa que se trata de involucrar a todos os profesionais que poidan ter unha relación directa ou indirecta cunha vítima, “do psicólogo ou o fiscal, ata un policía”, co obxectivo de que “calquera medida xudicial que se estableza produza un efecto beneficioso para a vítima”. Deste xeito, búscase “darlle un trato que permita que saia resarcida dese procedemento xudicial” e evitar situacións que poidan “non ser apropiadas e que en lugar de benestar, poidan producir un dano maior ás vítimas”.