DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo sinala o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos

“A monarquía enfróntase a unha crise de gran calado”

Na súa segunda tese, investiga o “pacto de silencio” articulado na transición arredor da Coroa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 29/09/2014

Tanto os datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) como as enquisas realizadas por consultores privados teñen reflectido nos últimos anos “unha grave caída da aceptación da monarquía entre os españois”, segundo salienta o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos. De aí que unha das principais conclusións da súa tese de doutoramento Limitacións á liberdade de expresión derivadas da reinstauración da monarquía en España, que o 10 de outubro defenderá na Universidade da Coruña, sexa precisamente que a Coroa enfróntase na actualidade a “unha crise institucional que vai condicionar, antes ou despois, o seu futuro”.

Baixo a dirección do catedrático de Dereito Romano da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes, o xornalista e profesor Fernando Ramos afonda na que é a súa segunda tese de doutoramento nas diferentes medidas xurídicas e administrativas que, tanto nos últimos anos do franquismo como na transición, fixeron posible un “pacto de silencio” arredor da Coroa, o que provocou que se ocultasen “os trapos suxos da monarquía durante décadas”. Segundo relata Ramos, este pacto fai posible que, nas últimas décadas, a prensa “tratase por enriba moitas cousas que aconteceron” arredor da Casa Real. “O pacto mantense ata o ano 2000, cando un deputado socialista pregunta na Comunidade Valenciana polos contratos de Urdangarín”, engade Ramos, que sitúa nas novas sobre o caso Nóos, no ano 2004, o inicio da ruptura dun pacto que ata entón “evitou que os medios se ocuparan en profundidade, como se fai noutros países, dos asuntos que afectan á Coroa e á Familia Real”. A súa imaxe, quedou entón “conxurada aos feitos”, o que provocou que, “na medida en que se profunda en asuntos que rodean á Monarquía”, esta comezase a perder popularidade. De aí que “os avatares persoais” da familia real nos últimos anos motivasen “unha mirada crítica dos españois sobre a Coroa”, que fai a este docente apuntar a existencia na actualidade dunha “crise institucional” arredor da Xefatura do Estado.

Mais, a este respecto, Ramos conclúe que esta non é unha crise “de carácter coxuntural”, senón que se trata dun “problema estrutural”. Neste senso, o profesor incide no feito de que esa “caída da aceptación da Monarquía” observada nas enquistas acentúase “entre os menores de 40 anos”, o segmento da poboación “que non coñeceu a chamada transición política nin o papel que se lle atribúe ao rei Juan Carlos I neste proceso”. De aí que sosteña que “o debate república-monarquía non está nin moito menos resolto”, senón que será preciso abordar esta cuestión nunha hipotética reforma constitucional, “desde tantos sectores demandada”.

A imposición dun “pacto de silencio”

A través de diferentes medidas administrativas e xurídicas, “furtouse aos españois o debate sobre outra alternativa á saída do franquismo que non fora a monarquía, prevista por aquel réxime como a saída natural do mesmo”, sostén Ramos, que centrou boa parte da súa investigación nas diferentes medidas xurídicas que se adoptaron durante a ditadura para evitar un debate arredor da Xefatura do Estado trala morte de Franco. Entre estas, destaca a Lei de Prensa de 1966, “que mantiña o secuestro administrativo daquelas publicacións que abordaran desde perspectivas críticas” a postura do Goberno sobre asuntos como a unidade do Estado ou a Coroa.

Ademais de abordar as distintas etapas da lexislación sobre prensa, desde a posguerra ata a Constitución de 1978, Ramos recolle na súa tese unha serie de documentos cos que intenta dar conta dos “recursos dos que se valen os construtores do réxime para darlle viabilidade” a unha monarquía “instituída á propia vontade do caudillo”. Ao mesmo tempo, indaga tamén no “fenómeno do consenso” que tivo lugar na transición, coa “renuncia do voto republicano por parte da esquerda durante o debate constitucional”. Neste senso, Ramos alerta de como ese pacto de silencio “xerou a amnesia da sociedade española”, dado que, ao final do franquismo, “o propio Don Juan de Borbón recoñecía a posibilidade” de que se celebrase un referendo no que “decidir a forma do Estado e a súa Xefatura”, tendo chegado a "un pacto coa oposición para asumir o que hipoteticamente puidera decidir o pobo español”.

O froito de dous anos de traballo

A tese que Ramos defenderá o 10 de outubro no Departamento de Dereito Público da Universidade da Coruña, a segunda trala que realizou no seu día na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, é o froito de “dous anos de investigación”, que o levaron tanto a revisar centos de libros e documentos como a realizar diferentes entrevistas a algunhas das testemuñas e protagonistas destes feitos. Nun volume de máis de 700 páxinas, este xornalista e profesor realiza tamén un percorrido histórico polo proceso de “reinstauración” da Coroa, ao tempo que tamén formula unha “aproximación aos fundamentos teóricos da monarquía ao longo da historia”.