DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa proposta aposta por dar continuidade ao traballo realizado polo equipo saínte

Monserrat Cruz, única candidata a decana de Ciencias Empresariais e Turismo

A votación da xunta de facultade será o día 9 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/04/2019

Tras esgotar Elena Rivo o máximo de dous mandatos posibles como decana, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense ten convocadas eleccións para a renovación do seu decanato. A única candidatura presentada é a de Monserrat Cruz, profesora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo desde o ano 1998, docente primeiro no campus de Vigo e posteriormente no de Ourense.

“Decidín presentarme a decana para continuar o labor feito nos últimos anos”, comenta Cruz González. A candidata explica como “creo que Elena Rivo foi unha gran decana”, salientando como durante os seus dous mandatos “fixéronse moitas cousas que estiveron moi ben, como darlle unha visión internacional á facultade, un contacto enorme coas empresas... a todo ese traballo gustaríame darlle continuidade”. O segundo factor que decantou a súa decisión de presentarse, apunta Monserrat Cruz, foi o equipo que forma parte da súa candidatura. “Tiven unha resposta moi positiva das persoas coas que contactei para formar o equipo. É todo xente con moita experiencia e que veñen con moitas gañas, que desde o primeiro momento dixeron que si”, subliña.

O equipo que forma parte da candidatura de Monserrat Cruz está formado por Alberto Vaquero, como secretario; Elena de Prada, como vicedecana de Internacional; Javier Sánchez, como vicedecano de Estudos de Grao; Francisco Tugores, como vicedecano de Organización Académica e Alumnado, e Juan Manuel de los Ríos, como vicedecano de Calidade. Mantense polo tanto a estrutura do equipo saínte aínda que renovando parte dos seus membros. Sobre a conformación deste novo equipo, a candidata sinala a súa importancia xa que, subliña, nas eleccións a decanato “ti realmente non elixes a unha persoa, elixes a un equipo”.

Retos

Sobre os retos que se propoñen se acadan o apoio da xunta de facultade na votación que se celebrará o día 9 de abril, Monserrat Cruz recalca como “o primeiro é continuar facendo as cousas ben”. En todo caso, entre os aspectos sobre os que lle gustaría avanzar estarían “as prácticas do alumnado en empresas” e “darlle impulso á internacionalización da facultade e da súa docencia”. “Hai un reto que creo que xa o conseguiu o anterior decanato e que non queremos perder e é a relación coas outras facultades do campus e sobre todo coas que compartimos os dobres graos", como son as de Historia, Dereito e a Escola Superior de Enxeñaría Informática, comenta a profesora.

Outros dos aspectos sobre os que a candidata a decana sinala que lles gustaría afondar é na relación co Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, coa idea de que “o Campus da Auga somos todos”. Tamén incide no seu discurso no fomento da implicación das e dos estudantes. “O alumnado é unha parte fundamental desta facultade. Queremos que se implique no centro. Tanto as súas ideas como as súas propostas son moi importantes, aínda que ás veces eles mesmos pensan que non o son”, indica. Para mellorar esta implicación, a profesora apunta a importancia de que as e os estudantes reciban máis información para que aproveiten todas as oportunidades que teñen. Sobre as titulacións, Monserrat Cruz comenta que “queremos que as que están funcionen ben, que tanto o Grao en Administración e Dirección de Empresas como o de Turismo segan cun bo desenvolvemento”. Do mesmo xeito, salienta o seu interese en continuar dando pulo aos tres dobres graos que ten a facultade, un de Turismo-Historia, outro de ADE-Dereito e outro de ADE-Enxeñaría Informática.

Para presentarse, para explicar as súas propostas e para recoñecer suxestións e inquedanzas dos diferentes colectivos do centro, o equipo candidato está a desenvolver estes días unha serie de reunións individuais e grupais, como a celebrada este mércores con alumnado da facultade.