DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Instituto Galego de Estatística analiza a situación actual do sector

Un monte produtivo e sostible garantirá o futuro da industria forestal

A madeira podería converterse nun dos principais motores da economía do país

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 03/05/2013
A industria forestal galega segue a ser un sector descoñecido para moitos. Como contribúe no desenvolvemento económico e social do país e como se artella e subsiste nun contexto desfavorable son algunhas das cuestións nas que afondou o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos na xornada formativa Radiografía e perspectivas da cadea forestal en Galicia que organizou este venres o Instituto Galego de Estatística na capital compostelá.

A pesares de que os datos recollidos recentemente pola entidade organizadora amosan que a contribución do sector forestal e da madeira decreceu lixeiramente no conxunto da economía galega, “a súa importancia é capital para o país xa que esta industria é quen de xerar emprego no rural estando presente no 85% dos concellos”, asegura Picos. Segundo os datos da FAO (Organismo das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), se se promovese este sector poderíase estimular a economía a grande escala e crear máis de 10 millóns de empregos no mundo. Unha cifra que se podería ver incrementada se estes plans de mellora forestal se baseasen, en boa medida, na industria do bosque, comentou o profesor no Museo Pedagóxico de Galicia.

A madeira é un material natural renovable, reciclable e biodegradable pero, ao mesmo tempo, “moi dependente dos recursos e da súa competitividade en cantidade, calidade e prezo. É por iso que o futuro da industria pasa inexorablemente por un monte produtivo e sostible”, salienta. Unha mellora na lexislación do transporte, estudar con detemento a eficiencia actual da administración pública, darlle outro impulso á innovación e promover o apoio tecnolóxico ás Pemes serían algunhas das achegas que contribuirían á consolidación definitiva do sector segundo manifestou Picos. A isto, debería sumárselle un maior coñecemento por parte da sociedade da industria forestal e dos seus beneficios a nivel económico, social e no medio ambiente.

Material renovable

Se se compara a madeira cos seus principais competidores, “podemos observar que a súa transformación é moi pouco intensa en enerxía e, en moitos casos, esta transformación prodúcese a partires dos residuos que ela mesma xera” di Picos. Unha boa nova para o sector aínda que “cómpre mellorar a xestión forestal, sobre todo no campo de transformación da madeira e no seu uso final para que esta poida seguir aportando beneficios nuns tempos moi duros para os segmentos relacionados coa construción e a vivenda”, conclúe.