DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración este sábado da Ruta Mosteiro de Montederramo – San Mamede

Montederramo amosará a riqueza do seu patrimonio arquitectónico a 60 estudantes

Os participantes no roteiro cultural percorrerán 30 quilómetros de dificultade alta

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 21/04/2010

Montederramo é unha localidade que conta cun patrimonio arquitectónico importante no que cabe subliñar o mosteiro de Santa María Montederramo, unha construción de estilo románico que data do século XII e que amosa a arquitectura relixiosa neste municipio. Un grupo de 60 persoas integrado tanto por estudantes da Universidade de Vigo como por xente allea á institución académica terán a oportunidade de visitar a edificación este sábado co gallo da celebración dun novo roteiro cultural. O mosteiro, declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1951, é o principal atractivo dunha andaina na que os participantes coñecerán tamén a beleza paisaxística do pico de San Mamede.
Os camiñantes sairán ás nove da mañá do campus para partir cara a Montederramo, lugar de inicio dunha ruta de 30 quilómetros de dificultade alta na que percorrerán as localidades de Fontedoso, San Mamede, Pluviómetro, Campo do Casar e Vilouxe para rematar no punto de partida onde gozarán dun xantar a base de produtos típicos da zona: empanada, callos, carne asada, bica de Trives, chourizos e viño. José García Calvo, “Willy”, coordinador das Rutas Culturais, fai especial fincapé na gran dificultade desta ruta xa que os 15 primeiros quilómetros transcorrerán por unha forte pendente para subir ao pico de San Mamede, outro dos atractivos do percorrido xunto ao espazo natural do Vidueiral, unha zona protexida situada na Serra de Queixa.

Auga, viseira e crema solar

A previsión meteorolóxica para o sábado, 24 de abril, data de desenvolvemento da ruta, é de bo tempo polo que “Willy” recoméndalles aos participantes levar crema solar e tamén gorra ou viseira para protexerse do sol. O coordinador dos roteiros explica tamén que durante todo o percorrido non hai auga polo que os camiñantes deberán levar na mochila un mínimo de dous litros de líquido.
A seguinte andaina do programa está prevista para o día 8 de maio, data na que se desenvolverá a Ruta do Canón do Sil. Nesta xornada os participantes percorrerán 27 kilómetros de dificultade alta polas localidades de Os Peares, Moura, Paradela, Santo Estevo, Loureiro, Vilar, Cerreda, Mirador As Gándaras, Cámping do Castro e Mosteiro de Santa Cristina. Os roteiros culturais rematarán coa realización da Ruta da Vía da Prata os días 15, 16 e 17 de maio, unha andaina de 107 quilómetros de dificultade alta que se percorrerá en tres etapas. Esta última camiñata é unha das principais novidades da programación das rutas culturais do curso académico e o seu desenvolvemento coincide coa celebración do Ano Santo Compostelano neste 2010.