DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora María José Martínez estuda a reutilización deste patrimonio no Noroeste peninsular

De monumentos funerarios romanos a material de construción

O seu obxectivo é analizar a incidencia da conquista nos pobos destas zonas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 21/01/2014

Estelas funerarias que se atopan inseridas nos muros dunha casa particular, placas funerarias que aparecen nas paredes de igrexas… En numerosas ocasións os historiadores acaban atopando os restos do pasado que buscan en lugares moi diferentes aos orixinais porque foron empregados para outros usos co paso dos séculos. María José Martínez, investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo, está a estudar a reutilización de monumentos romanos, concretamente monumentos funerarios tales como placas, aras e estelas, como materiais de construción.

Placas, aras e estelas

Sobre este traballo, a investigadora presentará o día 31 de xaneiro unha comunicación titulada Reutilización de monumentos funerarios romanos en contextos arquitectónicos. Unha ferramenta para coñecer o proceso de romanización no Noroeste da Península Ibérica. Será nas xornadas internacionais Evolución dos espazos urbanos e os seus territorios no Noroeste da Península Ibérica, organizadas en León por investigadores das universidades de Minho e León. “Este traballo céntrase nos monumentos funerarios de época romana que teñen sido reutilizados como materiais de construción en distintos contextos arquitectónicos: arquitectura eclesiástica, construcións antigas (como murallas, pontes e castros), arquitectura privada (como casas e peches) e arquitectura pública (como prazas e concellos)”, indica a historiadora.

A análise destes vestixios e a súa distribución xeográfica, salienta María José Martínez, “vainos permitir comprender mellor aspectos importantes do proceso romanizador, como son as transformacións socioculturais e organizativas que afectaron tanto á poboación indíxena como aos novos chegados”. A través destes restos arqueolóxicos os investigadores poderán obter datos diversos de carácter social, demográfico, lingüístico, cultural, artístico, histórico, etc. “Son estes monumentos os que nos axudan a comprender e coñecer o nivel de incidencia que o proceso de aculturación derivado da conquista tivo nas xentes que habitaban estes territorios”, comenta Martínez. Coa chegada dos romanos ao Noroeste peninsular, indica, “as practicas e os costumes prerromanos foron experimentando un cambio progresivo, a pesar de que os romanos se amosaron tolerantes”. Este proceso de aculturación, describe, foi lento e paulatino, introduciuse primeiro coa chegada dos exércitos romanos e, posteriormente, coa chegada e asentamento no territorio de xente romana. “Esta aculturación obsérvase tanto nas lápidas funerarias como nas aras e placas”, comenta.

Moitos os exemplos

Son moitos os exemplos de elementos funerarios atopados noutras construcións no Noroeste peninsular que a investigadora enumera. Aras, estelas e placas romanas poden atoparse en catedrais como as de Braga, Porto e Astorga; nas murallas de Lugo, Astorga, León, Xixón e Braga; nos escombros da Ermida de San Román (Lebeña, Cantabria); nunha parede da Casa Reitoral de Caldas de Reis; no muro exterior do ábside da Igrexa de Santa María de Rubín da Estrada; na ermida situada na cima do Castro de Florderrei Vello, en Verín; no muro do atrio da igrexa románica de Monterrei, tamén en Verín; na Igrexa Parroquial de Cadós, en Bande, ou nunha casa particular en Vilaboa, en Allariz, entre outros exemplos. “Todos os vestixios son elementos identificados de época romana, aínda que algún foi utilizado na Idade do Ferro e reutilizado novamente en época romana cos mesmos fins. A data exacta da súa construción é difícil de precisar, xa que apareceron en moitos casos de forma casual e fóra do seu lugar orixinal, aínda que podemos falar de que estes monumentos foron construídos a partir de finais do s. I e ata o século IV.

O traballo de María José Martínez realízase no marco da súa tese de doutoramento, que non só se centra na reutilización dos monumentos como materiais de construción senón que leva a cabo un estudo máis amplo que pretende analizar os monumentos desde a súa concepción ata o a súa utilización e usos posteriores. “A tese, da que estamos na primeira fase de documentación, céntrase na antiga provincia da Gallaecia, territorio que engloba na actualidade ás catro provincias galegas, ao Norte de Portugal ata o Douro e parte das provincias de León, Zamora, Cantabria e Asturias", comenta a investigadora.