DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gago reivindica na inauguración un maior peso para as humanidades

A morte de Ayala e López Vázquez marca o inicio do VI Congreso Internacional de Literatura Comparada

Baixo o título "Talentos múltiples", centra esta edición nos guionistas de cine

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/11/2009
A morte de dous grandes, Francisco Ayala, decano das letras españolas, e José Luis López Vázquez, maestro da traxicomedia, marcou o inicio no campus do VI Congreso Internacional de Literatura Comparada que, dende hoxe e ata o vindeiro venres, converterá a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, “no punto de referencia para todos os interesados no mundo da literatura e do cine”, tal como salientou a decana do centro, Rosa Pérez.
“Estamos entristecidos polo falecemento de dúas grandes figuras que serían, e de feito fórono ao longo dos 12 anos de traxectoria do congreso, obxecto de estudo da nosas investigacións” salientou na inauguración, Carmen Becerra, organizadora do congreso, quen lembrou que ambas figuras lograron “ademais de entristecernos pola súa desaparición facernos sentir orgullosos, pois a súa actividade ao longo da dilatada vida de ambos conseguiu enriquecer enormemente o noso acervo cultural”.

“A ciencia é global e completa ou non é nada”

Becerra, ao fronte da organización do congreso desde a primeira edición celebrada no ano 97, estivo acompañada na inauguración polo reitor, Alberto Gago quen, ademais de dar unha cordial e afectuosa benvida a todos os asistentes, aproveitou o acto para lembrar que “desde todos os ámbitos e perspectivas se pode achegar coñecemento novo”, en referencia a que “a ciencia é global e completa ou non é nada”. Gago insistiu na importancia de transmitir esta mensaxe nunha época na que o predominio dos ámbitos científico e tecnolóxico “é tremendo e acaba ocupándoo todo”. Segundo o reitor, con actos coma este trátase de pór un altofalante “a todo o moito e bo que se pode facer desde todos os ámbitos do sistema universitario”, engadiu.
Acompañados pola decana do centro, Rosa Pérez, e o director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, Manuel Ángel Candelas, lembraron que na Universidade de Vigo, a miúdo identificada co eido tecnolóxico, o ámbito humanístico está “vivo, activo e cheo de dinamismo”.

Guionistas, os “patiño feo” do cine

O congreso céntrase no estudo das relacións entre o cine e a literatura e as múltiples, complexas e densas relacións que foron xerando desde o mesmo intre en que naceu o coñecido como sétimo arte. Nesta ocasión, baixo o título Talentos múltiples, o congreso quere pór en valor unha figura a miúdo esquecida e non sempre valorada de forma axeitada, pese a ter un papel fundamental para calquera proxecto audiovisual, como é o guionista, “o patiño feo do cine”, en palabras de Becerra pois, “no mundo do cine sempre son aqueles nos que case ninguén se fixa”.
Para entrar en materia os asistentes puideron escoitar unha conferencia do profesor da Universidad de Alicante, Juan Antonio Ríos Carratalá, un referente no mundo do cine, que reivindicou, cunha intervención centrada na “outra” xeración do 27, o estudo académico do humor e criticou a desconsideración que se fixo cos humoristas desta xeración.
Carratalá, que está a piques de publicar un libro sobre a obra literaria de Rafael Azcona, lembrou a figura de Miguel Miura, “un autor no que non podemos disociar a traxectoria teatral e literaria”. Entre outras anécdotas comentou como Miura comezara no cine traducindo filmes americanos dos anos 30, incluíndo a tradución de filmes dos irmáns Marx, “pese a non ter nin idea de inglés”, subliñou ao tempo que explicou que o que sabía inglés era José Luis López Rubio quen facía as traducións literais “e Miura adaptábao ao castelán”.

Visita de Alberto S. Insua

O congreso inscríbese dentro das diferentes actividades que leva a cabo o grupo de investigación da Universidade Literacine, “que conta xa con catorce anos de experiencia ás súas costas” e no que se inclúen ademais da propia Carmen Becerra, os profesores Manuel Ángel Candelas, Jesús González Maestro e Susana Pérez Pico.
Na tarde de mañá xoves o congreso contará coa presenza Alberto S. Insua, guionista cunha dilatada traxectoria profesional e director do Servizo de Publicacións do Consello Superior de Investigacións Científicas, que achegará aos asistentes “ a súa longa traxectoria de relacións entre o cine e a literatura”.