DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición, de carácter itinerante, pódese visitar ata xuño na Biblioteca Central

A mostra "Arquivo aberto" achega á comunidade universitaria unha ollada do pasado

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 23/04/2009

A historia comeza cando as persoas son capaces de documentar por escrito o seu paso pola Terra; a través destas fontes, hoxe custodiadas como tesouros, podemos coñecer aqueles fitos que marcaron o noso pasado e saber da vida de quen viviu nesa época. Coincidindo coa celebración do Día do Libro, este xoves 23 abril, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) da man do seu director, Pablo Sánchez, presentou a exposición itinerante Arquivo aberto que se poderá visitar na Biblioteca Central do campus ata xuño.
A finalidade desta mostra é “achegar a un público amplo, especialmente á xente nova, algúns dos documentos máis representativos do AHPOu contextualizados historicamente e acompañados dunha explicación do seu contido”, indicou Pablo Sánchez, director do arquivo.
Non é casualidade a elección das datas nin o lugar para expoñer a mostra, tal e como comentou o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, “xa que nos achegamos aos exames e este é precisamente o período de tempo no que se concentra a maior actividade da biblioteca”. Gálvez agarda que a través desta exposición “se poña en valor a riqueza do AHPOu, descoñecida para moitos estudantes”.
A exposición está dividida en dez paneis con diferente contido, uns con información xeral, “que é un fondo documental, un arquivo, que servizos presta, etc.” e outros cos documentos máis significativos “que permiten entender o contido do arquivo”, explicou Sánchez. De estes documentos amósase unha imaxe dixitalizada acompañada da súa catalogación “para saber que documento é e cando se creou”, unha transcrición do contido e un comentario breve “explicando o contexto de produción e o seu sentido no momento histórico”.
Tras iniciar a súa andaina na Biblioteca Central, “xa que o campus é a alma mater da cidade”, dixo Sánchez, a mostra viaxará ata outros centros culturais e educativos da provincia.

A historia a través dos documentos

Na mostra destacan de xeito especial, entre outros documentos, un privilexio rodado do rei Afonso XI do ano 1316, o título dun barbeiro flebotomiano de Allariz do ano 1521, o vistoso brasón incluído nunha certificación de de armas da familia Méndez Montoto de 1583 e a acta de reconstitución da Mocidade Galeguista de Ourense do ano 1930. Pero aparte destes, o AHPOu conta con máis de 200 fondos e coleccións que se custodian no centro. Trátase dun amplo conxunto de documentos de gran variedade tipolóxica entre os que hai que facer mención especial aos 153 de orixe privada que cederon familias, asociacións, empresas e institucións relixiosas e “que fan do AHPOu o arquivo galego máis rico neste tipo de fondos e depositario da maior parte do patrimonio documental da provincia de Ourense”, comentou Sánchez.