DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras o seu paso polos campus de Pontevedra e Ourense e por colexios e institutos

A mostra Eu son UVigo! recala na Biblioteca de Torrecedeira

Amosa a traxectoria profesional de persoas egresadas e persoal investigador da institución

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 10/02/2022

Tras o seu paso pola Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense e pola Biblioteca da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, a exposición Eu son UVigo! chega esta semana a Vigo. Dende onte, e durante un mes, a mostra poderá visitarse na Biblioteca de Torrecedeira e, a través dela, coñecer os perfís e traxectorias tanto de persoas egresadas da UVigo que acadaron recoñecemento profesional como de persoal investigador da institución. Deste xeito, a institución académica trata de amosar o talento que sae da Universidade de Vigo e tamén o seu potencial científico nas diferentes áreas de coñecemento. 

Eu son UVigo! artéllase a través dunha serie de cubos, cada un deles cunha foto, unha biografía e unha frase propia dos protagonistas co obxectivo de motivar ás persoas que acudan a visitar a mostra. Entre as e os protagonistas están, por exemplo, a escritora Ledicia Costas ou o humorista David Amor, egresados da UVigo, xunto con outros nomes tamén salientables como o da enxeñeira Bibiana Rodiño, fundadora e CEO e de BETA Implants ou o ilustrador infantil e egresado en Belas Artes Federico Fernández. Xunto con eles tamén forman parte desta exposición investigadores e investigadoras que desenvolven o seu labor actualmente na institución académica, como a investigadora principal do grupo de Química Coloidal, Lorena Vázquez; o catedrático de Nutrición e Bromatoloxía e seleccionado como investigador altamente citado en 2018 e 2020, Jesús Simal ou a bióloga mariña e zoóloga e divulgadora, Alba Aguión, entre outros.

Tamén en colexios e institutos

Esta mostra, ademais de percorrer os campus ten unha parte permanente no edificio Redeiras, sede institucional da UVigo no Berbés, mentres viaxa por centros de ensino secundario e centros culturais e sociais das catro provincias galegas co obxectivo de darse a coñecer a potenciais futuros estudantes da UVigo. Actualmente, durante este trimestre, a exposición poderá visitarse no IES Pazo da Mercé (As Neves), IES Auga da Laxe (Gondomar) e Colexio Pablo VI (A Rúa).