DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra "Galiciadixital" achega o mundo audiovisual e multimedia aos estudantes

Desde o luns 12 ata o venres 16 de xaneiro no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 12/01/2009

O eido dixital ten cada vez maior importancia nas nosas vidas e ás veces perdémonos neste mundo que avanza a pasos de xigante. Co obxectivo de achegar o audiovisual e o multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e universidades galegas, o primeiro andar do Edificio de Ferro acolle a partir de este luns día 12 e ata o venres 16 a exposición itinerante Galiciadixital. Esta mostra, converxencia entre arte e tecnoloxía, permite a inmersión sensorial nun novo espazo cunha coidada ambientación, no que se advirte o progreso das novas tecnoloxías que permiten a superación do espazo, o tempo e posibilitan a interactividade. A exposición, con contidos vencellados ao mundo multimedia e dixital, recolle “o que somos capaces de facer en Galicia, unha visión alternativa e lúdica, do noso traballo”, explicou Manuel José Fernández, director xeral de Comunicación Audiovisual.
Temas moi interesantes e variados agardan aos visitantes no campus, “xa que non todo é informática ou telecomunicacións, senón que a exposición tamén se completa con historia e outras actividades 3D e multimedia”, precisou Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus.
Axóuxere, o can robotizado que fala galego e interactúa coa xente; o plató Chroma Key, onde os visitantes poderán moverse ás súas anchas ante unha cámara de vídeo e simular que se atopan nunha película ou que son os encargados de dar o prognóstico meteorolóxico; o xogo de ordenador 3D que permite ao visitante, grazas a unhas gafas especiais e á cadeira de coche de carreiras dotada de voante, freo e acelerador, sentirse como a un verdadeiro piloto, ou o cine en 3D no que se proxectarán Destino Ancares, Viaxe submarina, Amor, amores e o Peixe falador, son algunhas das experiencias que se poderán vivir en Galiciadixital.

150 nas telecomunicacións

Á mostra Galiciadixital acompáñaa outra exposición que se sitúa na planta baixa do Edificio de Ferro e que “recolle os 150 anos de historia das telecomunicacións en Galicia e a súa relación coa nova cultura”, Fernández. Esta mostra, destacou Gálvez, “é froito da colaboración de dous centros moi distintos pero que foron capaces de complementarse para levar a cabo este traballo como son a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e a Facultade de Historia de Ourense”. Ben é certo que Galicia aínda ten moito que avanzar en temas dixitais, “pero esa fenda que sempre se di que existe respecto a outras comunidades autónomas estase pechando pouco a pouco”, indicou o vicerreitor. Esta exposición é unha pequena mostra do que se pode atopar no Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela e que vai a viaxar a Roma nestes días para participar na primeira Feira Internacional de Itinerarios de Peregrinación que terá lugar dende o xoves 15 e ata o domingo 18.